Mostrando entradas con la etiqueta Historia Antiga do Próximo Oriente. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Historia Antiga do Próximo Oriente. Mostrar todas las entradas

domingo, 20 de octubre de 2019

Súmer e o xurdimento da escritura


O neolítico próximo-oriental remonta polo menos ao 10.000 a.C., o que supón a posible “invención” nesta rexión (concretamente en Anatolia) da agricultura, e tamén da gandería. O Neolítico considerouse tradicionalmente unha revolución porque cambiou radicalmente o modo de vida das comunidades humanas, ata ese momento itinerantes, cazadoras e recolectoras. 
Coa emerxencia da agricultura, e máis da gandería, as xentes podían permitirse asentarse durante máis tempo mesmo no mesmo territorio sen esgotar os recursos dispoñibles, o que facilitaría progresivamente a sedentarización definitiva das comunidades ata a aparición das primeiras grandes aglomeracións urbanas. Coa emerxencia destas grandes aglomeracións xorden os primeiros signos evidentes de xerarquización social, cando determinados grupos sociais conseguen impoñerse sobre a maioría para rexer os asuntos públicos e xestionar os recursos colectivos da comunidade. 

Sobre esta base, xorden as primeiras autoridades políticas vinculadas a novas infraestruturas urbanas, como o templo sumerio. Este vai converterse no centro da vida dunha nova configuración política, o Estado, onde un personaxe, o sacerdote, se erixe en representante da divindade, dona suprema de todos os bens da comunidade, lexitimando por tanto a súa posición como gobernante político e militar, líder relixioso e xefe da administración pública.

O templo, ademais de casa do deus e sé do gobernante, vai ter un papel económico fundamental ao converterse en grande almacén onde se centralizan as contribucións en especie de todos os membros da comunidade, o que serve tanto como sustento do aparato do Estado como salvagarda do benestar colectivo en tempos de crise alimentaria.

A acumulación de inxentes recursos no templo estimula a invención duns primeiros e rudimentarios instrumentos contables que, pouco a pouco se irán sofisticando ata dar lugar á aparición da escritura. Esta técnica comeza empregando signos de tipo pictográfico ou ideográfico, o que supón representar ideas mediante imaxes facilmente identificables, para, en principio, rexistrar os movementos do almacén, cos seus fondos, entradas e saídas. Dende Súmer, o arquivo é unha institución practicamente consubstancial ao aparato do Estado.

Consulta o cadro seguinte, onde poderás ver a periodización da Baixa Mesopotamia dende época protohistórica ata fins do IIIº milenio (pincha pra ampliar)



En torno a mediados do Vº milenio, no período de El Obeid/El Ubaid, as poboacións neolíticas protourbanas desenvolven estruturas templarias na Baixa Mesopotamia, aparecendo os primeiros restos na cidade de Eridú “a primeira cidade creada polos deuses”, asociados aos primeiros instrumentos contables (os mencionados calculli).

Cilindro-selo, calculli, bulla, taboíña
O seguinte período denominado de Uruk, porque foi nesta cidade na que se testemuñaron as primeiras innovacións culturais respecto ao período anterior, documéntanse os primeiros cilindros-selo, obxectos de forma cilíndrica con figuras gravadas que, a modo de selo, deixaban a súa impronta na arxila fresca co propósito de deixar unha marca de propiedade. Pouco despois na fase coñecida como Uruk IV (ca. 3300-3150), aparecen os primeiros signos pictográficos precursores do cuneiforme e xa escritura propiamente dita, que aínda han atravesar a fase seguinte (ca. 3150-2900: Uruk III = Jemdet Nasr -polo xacemento epónimo que tamén documenta esta innovación), cando os signos pictográficos deixan de ser ideogramas (representacións figurativas de conceptos) pra se converteren en fonogramas (unha imaxe con valor de fonema, sílaba, etc.)
Evolución signos cuneiformes


Neste período, que marca a fin da Protohistoria, os primeiros signos escritos xa adoitan escribirse sobre a taboíña de arxila típica do mundo mesopotámico, que rematará adoptando o estilo cuneiforme (evolución formal dos fonogramas anteriores) a partir do seguinte período (Protodinástico ou Dinástico Arcaico, ca. 2900), cando podemos falar xa con rigor do nacemento da Historia Antiga Mesopotámica. O que determina o nacemento desta fase, o que marca o tránsito definitivo da Prehistoria á Historia Antiga, non vai ser logo, nin a urbanización, nin a aparición de arquitecturas relixiosas, nin a evidente complexización social das comunidades urbanas coa emerxencia da Cidade-Estado, senón o desenvolvemento da escrita como ferramenta imprescindible para a eficaz administración do aparato dese Estado agora emerxente.

martes, 13 de noviembre de 2018

Comentario de texto: Estela de Hammurabi


(Comentario seguindo as pautas da materia Historia Antiga do Grao de Arte)
 
Que el hombre injuriado que tenga un caso vaya ante mi estatua llamada Rey de Justicia y lea mi estela escrita y escuche mis valiosas palabras. Que mi estela revele el caso, de modo que descubra sus derechos y calme su corazón (...) Si un hombre ha sacado el ojo de otro hombre, sacarán su ojo... 

(Código de Hammurabi)

Resume (no resume non se inclúen datos externos ao propio texto, información ou interpretación calquera allea ao mesmo. Só se expresan as ideas principais de maneira sintética)

O rei fixo gravar as leis nunha estela e animaba aos seus súbditos a consultalas para protexeren os seus dereitos. Entre esas leis inclúese o “ollo por ollo”.

Indica a información que achega sobre o Próximo Oriente (neste apartado fala do documento/monumento, e fai un exercicio de reflexión acerca do que engade ao noso coñecemento do momento histórico no que xurdiu).

A estela de Hammurabi é un cipo de diorita no que se recolle, en escritura cuneiforme,  un conxunto de leis promulgadas polo rei babilonio Hammurabi (comezos do IIº milenio) baixo a inspiración do deus garante da xustiza, Marduk.
O texto informa sobre os contidos dos primeiros códigos lexislativos mesopotámicos, sobre a importancia da escrita para a súa divulgación e tamén sobre a concepción sagrada da xustiza e da fonte da que mana, o rei, imaxe que se complementa coa iconografía da estela [que aquí non forma parte do comentario, pero que tamén é digna de consideración: Marduk, o deus patrón da Babilonia amorita, é o personaxe que aparece entronizado e toucado coa tiara de cornos propia dos deuses. O deus ofrécelle ao rei, representado de pé, os instrumentos do poder real e símbolos da súa xustiza: a vara de medir (ou cetro) e o aro (imaxe dunha corda enrolada), cuxa simboloxía concreta descoñecemos, aínda que ambos instrumentos redundan na imaxe da xusta medida (vara ou corda de medir para garantir repartos de terra equitativos) e da boa conducción (caxato ou corda para o arreo, ambos instrumentos do bo pastor?)]

Relaciónao cos contidos da materia cos que garde maior relación (aquí podes estenderte no comentario, falar da historia do propio documento e introducilo no contexto histórico -período- e tamén temático -códigos lexislativos mesopotámicos- que lle corresponde)

Suponse que esta estela, destinada seguramente ao templo do deus, dispoñería de varias copias para ser exhibidas en diferentes lugares do reino que, en tempos de Hammurabi, incluía todo o val do Éufrates ata o reino de Mari, e o val do Tigris ata o reino de Eshnunna. A publicación das leis por escrito quería ser unha garantía de imparcialidade para todo aquel que tivese a oportunidade de achegarse a elas e coñecelas, evitar a arbitrariedade na súa aplicación e, sobre todo, protexer aos débiles dos abusos dos poderosos. 
Entre unha extensa restra de leis de dereito civil, penal, mercantil, laboral..., perviven certos aspectos arcaicos do dereito tradicional, a lei do talión, o que supón a conservación da vinganza de sangue, que é un xeito de xustiza privada impropia dos Estados (que, por definición, se arrogan a administración da xustiza).
O coñecido como Código de Hammurabi é o documento xurídico completo máis antigo coñecido, pero non o primeiro. A finais do período protodinástico sumerio e durante o de Súmer e Akkad varios reis promulgaron diferentes disposicións coa intención de corrixir os abusos a que dera lugar a perversión do sistema redistributivo, cando os altos administradores dos templos se permitían especular cos seus bens actuando como prestamistas privados. Pouco antes do período de Akkad, Urukagina de Lagash promulgou un edicto que tiña como finalidade  non deixar “aos orfos e viúvas a mercede dos poderosos” e incluía unha condonación de débedas, entre outras medidas de protección dos débiles. Pouco máis tarde, durante a III Dinastía de Ur, Ur-Nammu, “rei de Súmer e Akkad” e expulsor dos Guti, tivo que facer fronte a unha profunda reforma do país e restaurar a orde e a xustiza, para o que tamén promulgou un código, do que só se conservan partes. Contén leis de carácter civil e penal, pero tamén disposicións para regular o funcionamento do reino: unificación de pesas e medidas, funcións do exército, rexistro catastral das terras (partindo da idea de que o deus é o único propietario), etc., incluíndose tamén medidas para limitar a influencia dos poderosos. Parece claro que o de Hammurabi se insire nesta tradición mesopotámica de reis lexisladores, garantes da lei e da xustiza.

martes, 16 de enero de 2018

Periodización Creto-Micénica


Na Historia Antiga do Próximo Oriente adóitase empregar unha periodización de cuño arqueolóxico, que fai referencia a cambios significativos na cultura material destas rexións. Aínda que sempre é posible afinar moito máis as periodizacións, establecendo todas as fases e sub-fases imaxinables, ademais de variables segundo as diferentes rexións, para comprender a evolución daquelas sociedades entre o IV e IIº milenio a.C., podemos conformarnos con distinguir os tres períodos principais nos que se divide a Idade do Bronce: Bronce Antigo, Medio e Recente (ou Tardío).

Mirando cara ao Exeo, as periodizacións non difiren esencialmente das próximo-orientais máis que nas súas denominacións, que atenden a formas locais. Así, falamos de Minoico para a Cultura do Bronce Cretense e de Heládico para Cultura do Bronce da Hélade (é dicir, Grecia). 
Dentro do Heládico Recente (cando se supón que xa temos escritura), pódese distinguir un sub-período aparte, o Micénico, periodización fundada en criterios lingüísticos, que alude á chegada dos primeiros gregos ao que en adiante será a sede do Helenismo.
Neste cadro expóñense as relacións cronolóxicas mencionadas (clica para ampliar):








viernes, 3 de noviembre de 2017

LINGUAS-ETNIAS no Próximo Oriente e Exipto antigos


As linguas da Antigüidade do Próximo Oriente describen as afinidades étnicas entre os pobos que as comparten, falándonos das súas orixes xeográficas e dos seus movementos e expansión por todo o continente e fóra del.
De seguido presentamos as diferentes linguas próximo-orientais nun cadro (son todas as que están, pero non están todas as que son) segundo categorías, que, excepto a asiánica, cuxo único trazo común é a procedencia asiática, fan referencia a parentescos xenéticos -mesma orixe-, polo que conforman auténticas "familias lingüísticas”





BIBLIOGRAFÍA:

"Módulo I. Semitas e Indoeuropeos. La configuración del mapa étnico de la Antigüedad". Curso Abierto. Universidad de Cantabria (en liña: https://ocw.unican.es/pluginfile.php/2357/course/section/2464/Modulo_I.pdf)


lunes, 1 de diciembre de 2014

Cronoloxía do Próximo Oriente e Exipto

IVº, IIIº e IIº milenios


Milenios IV a IIº a.C. (pincha para ampliar)

COMENTARIO

A Historia propiamente dita xorde no Próximo Oriente e Exipto a finais do IVº milenio, tras a aparición da escritura nos dous ámbitos, de xeito independente pero con poucos anos de diferenza.
O milenio IIIº aparece dominado en Mesopotamia pola cultura sumeria, á que sucede o Imperio semita de Akad e logo –tras un breve período de dominio Guti- o Renacemento Sumerio (especialmente representado por Ur III), xa dacabalo entre o IIIº e IIº milenios.
Paralelamente, sucédense en Exipto o Dinástico Arcaico, o Reino Antigo e o Primeiro Período Intermedio, cando cae en decadencia o poder faraónico e o país se ve fragmentado politicamente en numerosos e pequenos dominios provinciais.
O ano 2000 marca un límite cronolóxico a partir do cal o panorama político internacional cambia radicalmente. É arredor desa data cando se producen importantes movementos de poboacións que, logo dunha lenta e progresiva penetración entre Anatolia e Mesopotamia, acabarán instalándose neses territorios e exercendo a hexemonía sobre moitos deles. É o caso dos indoeuropeos hititas, que lles disputarán aos comerciantes asirios e aos autóctonos hatti o dominio sobre Anatolia; ou os amorritas procedentes do deserto sirio que, penetrando polo alto Éufrates, acabarán instalándose en Babilonia e creando un imperio entorno á vella cidade sumeria. Aproveitando tamén a perda de control sumero-acadio sobre o territorio de Subartu, os semitas herdeiros dos acadios alí asentados, unificáronse e crearon arredor da cidade de Asur un primeiro reino de breve duración, o primeiro Imperio Asirio.

En Hanigalbat (na Alta Mesopotamia), onde dende o IIIº milenio xa se coñecía un reino hurrita, novos continxentes hurritas procedentes do sur do Caucaso (lago Van) van introducirse na Alta Mesopotamia posiblemente mesturados con elementos indoeuropeos de orixe indoaria (detectados en nomes de reis e nos teónimos Mitra e Varuna), para conformar o reino de Mitani. Como é habitual, estes movementos coinciden con outros desprazamentos de pobos que volven producirse de xeito masivo en torno ao ano 1600 e que novamente provocan no mapa político próximo-oriental grandes trastornos e profundos cambios no xogo das hexemonías imperantes. É daquela cando os Casitas procedentes dos Zagros, aproveitando a debilidade babilónica tras a morte de Hammurabi e a destrución da cidade provocada polo hitita Mursil I, instauran a III Dinastía de Babilonia, ou Dinastía Casita. 
[...]

viernes, 16 de noviembre de 2012

Etapas na composición do Poema de Gilgamesh


Os relatos sobre Gilgamesh son diversos e proceden de moi diferentes momentos históricos. Poden establecerse varias etapas:

1ª etapa: as baladas sumerias que teñen como protagonista ao rei de Uruk remontan ao século XXI (renacemento sumerio). Trátase de poemas narrativos independentes nos que o heroe recibe o nome de Bilgames. 

Actualmente coñécense 5 baladas: 
  • 1.       Bilgames e Agga de Kish 
  • 2.       Bilgames e Huwawa
  • 3.       Bilgames, Enkidu e o Touro do Ceo
  • 4.       Bilgames, Enkidu e o submundo infernal
  • 5.       A morte de Bilgames
-          2ª etapa: en torno ao século XVIII (época paleobabilónica) escribíronse varias taboíñas,  compostas agora en lingua acadia. Non compoñen un texto unitario, senón series de episodios. A pesar diso, reciben a denominación de versión babilónica antiga.
-          3ª etapa: durante os séculos XV-XII a.C. (etapa babilónica media, en tempos da Dinastía Casita), compuxéronse e copiáronse textos sobre Gilgamesh tanto en Babilonia (por exemplo en Nippur e Ur) como fóra de Mesopotamia (en Hattusas, a capital Hitita; en Megido, Palestina, ou en Ugarit, Siria).
-          4ª etapa: entre os séculos XIII-XII a.C., establécese a Epopea Babilónica Clásica ou estándar (tamén da etapa babilónica media). É obra dun único autor, de quen se conserva o nome, quen a escribiu sobre 12 taboíñas. Recibiu o título de «O que viu o máis fondo». Non se conserva o texto orixinal, senón copias posteriores procedentes de diferentes bibliotecas, arquivos ou escolas, a máis coñecida das cales é a Biblioteca de Nínive, a capital asiria daquel momento.
-          5ª etapa: desta biblioteca asiria, fundada por Asurbanipal (668-627), procede tamén o que se coñece como Recensión Ninivita (séculos VIII-VII a.C.). En Nínive fixéronse moitas copias da versión clásica, pero tamén se custodiaron nela copias procedentes doutros lugares, e algunhas posiblemente máis antigas (século VIII a.C.). A recensión ninivita, aínda que recolle a versión clásica, non consta de 11 senón de 12 taboíñas, onde a taboíña 12 inclúe engadidos posteriores. Neste sentido, considérase algo así como unha «edición corrixida e aumentada». 

Bibliografía:
Sanmartín, J. (trad. e ed.). 2010. Epopeya de Gilgames, rey de Uruk. Pliegos de Oriente. Trotta

miércoles, 14 de noviembre de 2012

Historia de Canaán e os Hebreos

Nesta entrada ofrécese unha síntese parcial do tema 3 do libro de R. López Melero. 2011 (2ª ed.) Breve Historia del Mundo Antiguo. Editorial Universitaria Ramón Areces.

Canaán é unha rexión xeográfica, outramente coñecida na historiografía como Levante (rexión sirio-palestina; os cananeos non son un pobo homoxéneo, senón só os habitantes desta rexión).

Esta zona estivo dende o comezo da Historia escrita baixo a influencia ou control directo de Mesopotamia, de onde xorden cidades como Ebla (Siria interior, Bronce Antigo), configurada física e politicamente como as cidades-estado mesopotámicas.
Despois de 2000 a.C. (Bronce Medio), irrompen na zona os amorreos ou amorritas, nómades semitas procedentes do deserto sirio, posiblemente, que entran en conflito coas poboacións sedentarias da zona. Paralelamente, a cultura urbana segue desenvolvéndose na zona grazas á súa posición estratéxica entre Mesopotamia e o Mediterráneo, o que se aproveita para crear novas rutas comerciais e intensificar o comercio cos centros políticos máis sobranceiros, Mesopotamia e Exipto, converténdose así en intermediarios do comercio do cobre chipriota, por exemplo. Neste momento temos xa importantes reinos sirios con cidades fortemente amuralladas e grandes palacios en Karkemish, Alepo ou Ugarit. No Bronce Recente (1600-1100 a.C.) as cidades, que presentan o mesmo aspecto que as da etapa anterior, tenden a concentrarse na zona litoral levantina, producíndose o despoboamento de moitos asentamentos rurais situados ao leste dos ríos Orontes e Xordán, cuxa poboación, abafada polas esixencias económicas dos centros palaciais, abandonan os seus asentamentos e comeza a mesturarse coas poboacións nómades.
O debilitamento político e económico de Levante (en boa parte debido á deserción da masa de produtores) provoca que se vaian facendo sucesivamente co control da rexión ao longo do IIº milenio os mitanios, hititas, exipcios e asirios. Postas baixo a dependencia destas potencias, en distinta forma e medida, desenvólvense como pequenas cidades-estado ou reinos, cun rei á cabeza, política e militarmente débiles e moi heteroxéneos na súa composición poboacional (semitas amorritas e indoeuropeos asociados ao carro de guerra, poderosos guerreiros contratados polos reis para a protección dos seus reinos e que rematarán facéndose con grande influencia política e concesións de terra –os maryannu)
A realeza sirio-palestina, asentada nos templos-palacios (centros políticos, económicos e relixiosos), tiña sen embargo unha entidade moi diferente á dos exipcios e á dos mesopotámicos, posto que ao predominar as estruturas de tipo tribal (descentralizadas) de tradición amorrita, o poder do rei (malikum) víase moi limitado, especialmente polo Consello de Anciáns (abba), de grande autoridade nas institucións ancestrais, e agora na administración do palacio e o territorio. Ademais, o rei non adquire o seu cargo por méritos ou valía persoal, senón polo seu patrimonio, porque é un rico propietario.
A finais do Bronce Recente, o modelo palacial sirio entra en decadencia, debido a que non consigue integrar na súa administración económica a unha grande cantidade de comunidades rurais que, en vez de entrar nos circuítos redistributivos do palacio (retribución polas súas producións), son reducidas a simples poboacións tributarias (traballan terras pouco rendibles –a diferenza das mesopotámicas-, pagan impostos, vense forzados a prestar servizos, como o militar, e non reciben do estado nada a cambio). Esta poboación víase incapaz de manter o oneroso aparato palacial, formado por unha extensa rede de altos funcionarios e militares que tampouco non participaban nas redes da redistribución. En cambio, recibían en recompensa polos seus servizos terras coas súas correspondentes comunidades campesiñas, o que acabou producindo unha feudalización do sistema e o consecuente debilitamento do poder político central. O campesiñado, situado nunha posición límite, viuse obrigada a adoptar o nomadismo como modo de vida. A esta dinámica engadíase unha situación xeneralizada de inestabilidade, de movementos de pobos, de ameazas exteriores (os Pobos do Mar, ca. 1200 a.C.), que remataron por levar os palacios sirios do Bronce Recente a unha completa decadencia. É nestes momentos, aproximadamente, cando entran na escena do Próximo Oriente antigo os hapiru/habiru (os futuros hebreos).

Coñécese a través dos arquivos exipcios de Amarna que en torno ao 1350 a.C. un rei de Biblos (cidade cananea vasala de Exipto), pide axuda ao faraón porque un grupo de amorritas se instalan en territorio cananeo, adheríndose a eles campesiños dependentes do palacio de Biblos, sen dúbida incitados pola situación económica crítica que atravesaban naquel momento, como xa se comentou. Disque estes campesiños volveran ao nomadismo e que vagaban formando bandas e ameazaban con atacar as cidades. Refírense a estes bandoleiros como habiru, quen se terían expandido por Canaán e controlado de facto un territorio costeiro entre Biblos e Ugarit e tamén outros territorios do interior (“reino de Amurru”). 
Trataríase, en definitiva, de xentes marxinais e desarraigadas, organizadas para facerse un sitio entre os reinos sirio-palestinos, nos que esta masa de desherdados non terían cabida (“individuos dispostos a atacar a calquera, a cambio de armas provisións e acubillo. En fontes mesopotámicas, hititas, mitanias, exipcias e ugaríticas , o termo aplícase a grupos descritos como nómades ou semi-nómades procedentes de fóra, bandoleiros, mercenarios, marxinados e, en xeral, moi hostís contra as cidades”).
A partir deste momento, o asentamento dos hebreos en Palestina atravesa diferentes fases que se resumen nos feitos seguintes:
- Os habiru, que a partir da Idade do Ferro (1100 a.C.) se constitúen como grupo étnico (os hebreos), consolídanse como comunidades tribais (1) de pastores nómades no interior da rexión palestina. A esta etnia refírese o Antigo Testamento ao falar das doce tribos de Israel, que axiña pasaron a sedentarizarse, convivindo no mesmo territorio con vellas aldeas agrícolas cananeas, que finalmente acabarían absorbendo dentro da súa estrutura socio-política.
- Xorde a monarquía no seo do estado tribal hebreo: Saúl, primeiro rei segundo a Biblia, é un señor da guerra a quen as tribos do norte (territorio de Israel, fronte ao do sur: Xudá) escolleron como xefe común a israelitas e xudeus, pero o seu reino aínda non posúe administración, nin capital, nin territorio definido (non se configura aínda como un estado propiamente dito).

- O seguinte líder carismático que aparece en escena tras a morte de Saúl é David, quen foi proclamado rei de Xudá polos anciáns, en Hebrón ca. 1000 a.C. Cando anos máis tarde é recoñecido rei polas tribos do norte (Israel), inaugura o que se coñece como “monarquía dual” (non unitaria: cada reino conservaba as súas peculiaridades). Tomou Xerusalén, situada no límite dos dous territorios, e converteuna na capital dun reino teoricamente unificado baixo o seu mandato, que incluía tamén, xa, aos territorios da Pentápolis filistea.
- Con Salomón (965-932 a.C.), fillo de David, o reino unificado de Israel-Xudá, sempre segundo a Biblia, tería adquirido entidade estatal (administración central, regulación das prestacións, exército de mercenarios...), converténdose tamén nun reino moi rico e suntuoso, cuxo maior expoñente tería sido a construción do primeiro templo de Xerusalén. Sen embargo, a crítica historiográfica sostén que a descrición bíblica do reino de Salomón parece responder á intención de magnificar a historia hebrea por parte dos redactores dos Libros Históricos, na época da diáspora (ver infra).
- Os dous países, Israel e Xudá, eran moi diferentes en canto á composición étnica e socio-política dos seus habitantes (Israel incorporaba poboacións urbanas cananeas e estaba máis aberta culturalmente que o sur xudeu), polo que a súa unidade non había durar moito.
- Tras Salomón, escindíronse os reinos de novo, loitaron pola capital, Xerusalén, e,  para non cedérllela aos israelitas, os xudeus preferiron someterse ao invasor asirio (733 a.C.). Israel foi tamén sometida, a súa poboación deportada e o país repoboado con xentes foráneas. A busca de refuxio en Xudá de toda esa poboación deportada e a súa concentración en Xerusalén, provocou a fusión definitiva das poboacións dos dous vellos reinos e o xurdimento da “cultura da diáspora” (da “dispersión”).
- O reino de Xudá permaneceu vasalo dos asirios ata a caída de Nínive en 612. A destrución de Xerusalén por parte do rei babilonio Nabucodonosor (587  a.C.), conduce á fin do estado de Xudá.





(1) Fronte aos estados centralizados dos reinos e as cidades-estado, os pobos nómades organizábanse en “tribos”, que son sistemas de organización política, pero baseados fundamentalmente no parentesco (os seus membros non se definen pola pertenza a un territorio -ou veciñanza-, senón pola pertenza, ben por sangue, ben por alianza –matrimonio-, a un grande grupo de parentesco (liñaxes ou clans). Entre os organismos políticos máis comúns neste tipo de organización social encóntranse os xefes –xeralmente líderes militares e acumuladores de esposas –onde reside a súa forza económica- debido á súa valía persoal e prestixio social; e despois está o consello de anciáns, que soe ser a verdadeira autoridade xurídica e política da comunidade

Lista Real Sumeria

O Ashmolean Museum (Oxford) acolle a rica colección de textos cuneiformes cedidos por Herbert Weld Blundell nos años 1920, dentro da cal se encontran dous documentos escritos en sumerio procedentes da cidade de Larsa (catalogados como WB 62 e WB 444) nos que se contén a Lista Real Sumeria
O máis coñecido é WB 444, o chamado prisma Weld-Blundell, un prisma de barro cocido con textos en cada unha das súas catro caras, distribuídos en dúas columnas, que recolle todas as dinastías dende época antediluviana (sen dúbida míticas) ata o final do reinado de Sin-magir (1828-1817 a.e.), da primeira dinastía de Isin. O feito de que non se inclúan dinastías nin reis posteriores indica que este documento foi escrito arredor das datas finais recollidas no listado, é dicir, no século XIX a.e. (contemporáneo da primeira dinastía de Babilonia; cf. Langdon, p.5) 
Con todo, a partir da análise dalgúns termos, Jacobsen (1939: 140-141) concluíu que a composición da lista na súa forma orixinal debía remontarse aos tempos de Utu-Hegal (2124-2113*), quen reinou en Uruk xusto antes do comezo da dinastía Ur III, e que a parte antediluviana, así como a fin da lista, foron engadidos posteriores. 
WB 62, pola súa vez, é unha pequena taboíña escrita por unha soa cara procedente da cidade de Larsa, que aínda que é considerada máis antiga que o prisma Weld-Blundell (ca. 2000 a.e., segundo Langdon), só recolle as dinastías anteriores ao Diluvio. 
Entre as pezas procedentes da cidade de Nippur —centro relixioso sumerio—, atopamos o mesmo esquema cronolóxico que en WB 444 noutra taboíña estruturada en 12 columnas (da que se coñecen copias en fragmentos doutras 3 taboíñas), que remata o reconto dinástico no reinado de Enlil-bani, da primeira dinastía de Isin (1861-1837*). Esta cronoloxía detense, por tanto, uns poucos anos antes que a enumeración do prisma, polo que podemos supoñer que é lixeiramente máis antiga (cf. Jacobsen, 1939: 6) 
En calquera caso, dentro da periodización da historia antiga mesopotámica, situámonos entre o período neosumerio e o paleobabilónico, cando se produce un importante rexurdimento da cultura sumeria. Dende estes momentos proliferan as copias, tanto da Lista Real como doutros documentos antigos de tempos sumero-acadios, costume que se continuará ata ben entrado o primeiro milenio a.e., cando o Imperio Neoasirio tome o relevo na preservación dos antigos escritos mesopotámicos. 

Bibliografía 
  • Jacobsen, T. 1939. The Sumerian King List. Oriental Institute, Assyriological Studies 11, University of Chicago Press 
  • Langdon, M.A. 1923. The Weld-Blundell Colection, vol. II. Historical Inscriptions, Containing Principally the Chronological Prism, W-B. 444. Oxford Editions of Cuneiform Texts. 
(* Datas de calendario extraídas de: Sumerian King List, LIVIUS Articles on Ancient History; Jona Lendering © 2006 Latest revision: 10 May 2007)