Canaán é unha rexión xeográfica, outramente coñecida na historiografía como Levante (rexión sirio-palestina; os cananeos non son un pobo homoxéneo, senón só os habitantes desta rexión).
Esta zona estivo dende o comezo da Historia escrita baixo a influencia ou control directo de Mesopotamia, de onde xorden cidades como Ebla (Siria interior, Bronce Antigo), configurada física e politicamente como as cidades-estado mesopotámicas.
Despois de 2000 a.C. (Bronce Medio), irrompen na zona os amorreos ou amorritas, nómades semitas procedentes do deserto sirio, posiblemente, que entran en conflito coas poboacións sedentarias da zona. Paralelamente, a cultura urbana segue desenvolvéndose na zona grazas á súa posición estratéxica entre Mesopotamia e o Mediterráneo, o que se aproveita para crear novas rutas comerciais e intensificar o comercio cos centros políticos máis sobranceiros, Mesopotamia e Exipto, converténdose así en intermediarios do comercio do cobre chipriota, por exemplo. Neste momento temos xa importantes reinos sirios con cidades fortemente amuralladas e grandes palacios en Karkemish, Alepo ou Ugarit.

O debilitamento político e económico de Levante (en boa parte debido á deserción da masa de produtores) provoca que se vaian facendo sucesivamente co control da rexión ao longo do IIº milenio os mitanios, hititas, exipcios e asirios. Postas baixo a dependencia destas potencias, en distinta forma e medida, desenvólvense como pequenas cidades-estado ou reinos, cun rei á cabeza, política e militarmente débiles e moi heteroxéneos na súa composición poboacional (semitas amorritas e indoeuropeos asociados ao carro de guerra, poderosos guerreiros contratados polos reis para a protección dos seus reinos e que rematarán facéndose con grande influencia política e concesións de terra –os maryannu)
A realeza sirio-palestina, asentada nos templos-palacios (centros políticos, económicos e relixiosos), tiña sen embargo unha entidade moi diferente á dos exipcios e á dos mesopotámicos, posto que ao predominar as estruturas de tipo tribal (descentralizadas) de tradición amorrita, o poder do rei (malikum) víase moi limitado, especialmente polo Consello de Anciáns (abba), de grande autoridade nas institucións ancestrais, e agora na administración do palacio e o territorio. Ademais, o rei non adquire o seu cargo por méritos ou valía persoal, senón polo seu patrimonio, porque é un rico propietario.
A finais do Bronce Recente, o modelo palacial sirio entra en decadencia, debido a que non consigue integrar na súa administración económica a unha grande cantidade de comunidades rurais que, en vez de entrar nos circuítos redistributivos do palacio (retribución polas súas producións), son reducidas a simples poboacións tributarias (traballan terras pouco rendibles –a diferenza das mesopotámicas-, pagan impostos, vense forzados a prestar servizos, como o militar, e non reciben do estado nada a cambio). Esta poboación víase incapaz de manter o oneroso aparato palacial, formado por unha extensa rede de altos funcionarios e militares que tampouco non participaban nas redes da redistribución. En cambio, recibían en recompensa polos seus servizos terras coas súas correspondentes comunidades campesiñas, o que acabou producindo unha feudalización do sistema e o consecuente debilitamento do poder político central. O campesiñado, situado nunha posición límite, viuse obrigada a adoptar o nomadismo como modo de vida. A esta dinámica engadíase unha situación xeneralizada de inestabilidade, de movementos de pobos, de ameazas exteriores (os Pobos do Mar, ca. 1200 a.C.), que remataron por levar os palacios sirios do Bronce Recente a unha completa decadencia. É nestes momentos, aproximadamente, cando entran na escena do Próximo Oriente antigo os hapiru/habiru (os futuros hebreos).
Coñécese a través dos arquivos exipcios de Amarna que en torno ao 1350 a.C. un rei de Biblos (cidade cananea vasala de Exipto), pide axuda ao faraón porque un grupo de amorritas se instalan en territorio cananeo, adheríndose a eles campesiños dependentes do palacio de Biblos, sen dúbida incitados pola situación económica crítica que atravesaban naquel momento, como xa se comentou. Disque estes campesiños volveran ao nomadismo e que vagaban formando bandas e ameazaban con atacar as cidades. Refírense a estes bandoleiros como habiru, quen se terían expandido por Canaán e controlado de facto un territorio costeiro entre Biblos e Ugarit e tamén outros territorios do interior (“reino de Amurru”).

A partir deste momento, o asentamento dos hebreos en Palestina atravesa diferentes fases que se resumen nos feitos seguintes:
- Os habiru, que a partir da Idade do Ferro (1100 a.C.) se constitúen como grupo étnico (os hebreos), consolídanse como comunidades tribais (1) de pastores nómades no interior da rexión palestina. A esta etnia refírese o Antigo Testamento ao falar das doce tribos de Israel, que axiña pasaron a sedentarizarse, convivindo no mesmo territorio con vellas aldeas agrícolas cananeas, que finalmente acabarían absorbendo dentro da súa estrutura socio-política.
- Xorde a monarquía no seo do estado tribal hebreo: Saúl, primeiro rei segundo a Biblia, é un señor da guerra a quen as tribos do norte (territorio de Israel, fronte ao do sur: Xudá) escolleron como xefe común a israelitas e xudeus, pero o seu reino aínda non posúe administración, nin capital, nin territorio definido (non se configura aínda como un estado propiamente dito).
- O seguinte líder carismático que aparece en escena tras a morte de Saúl é David, quen foi proclamado rei de Xudá polos anciáns, en Hebrón ca. 1000 a.C. Cando anos máis tarde é recoñecido rei polas tribos do norte (Israel), inaugura o que se coñece como “monarquía dual” (non unitaria: cada reino conservaba as súas peculiaridades). Tomou Xerusalén, situada no límite dos dous territorios, e converteuna na capital dun reino teoricamente unificado baixo o seu mandato, que incluía tamén, xa, aos territorios da Pentápolis filistea.
- Con Salomón (965-932 a.C.), fillo de David, o reino unificado de Israel-Xudá, sempre segundo a Biblia, tería adquirido entidade estatal (administración central, regulación das prestacións, exército de mercenarios...), converténdose tamén nun reino moi rico e suntuoso, cuxo maior expoñente tería sido a construción do primeiro templo de Xerusalén. Sen embargo, a crítica historiográfica sostén que a descrición bíblica do reino de Salomón parece responder á intención de magnificar a historia hebrea por parte dos redactores dos Libros Históricos, na época da diáspora (ver infra).
- Os dous países, Israel e Xudá, eran moi diferentes en canto á composición étnica e socio-política dos seus habitantes (Israel incorporaba poboacións urbanas cananeas e estaba máis aberta culturalmente que o sur xudeu), polo que a súa unidade non había durar moito.
- Tras Salomón, escindíronse os reinos de novo, loitaron pola capital, Xerusalén, e, para non cedérllela aos israelitas, os xudeus preferiron someterse ao invasor asirio (733 a.C.). Israel foi tamén sometida, a súa poboación deportada e o país repoboado con xentes foráneas. A busca de refuxio en Xudá de toda esa poboación deportada e a súa concentración en Xerusalén, provocou a fusión definitiva das poboacións dos dous vellos reinos e o xurdimento da “cultura da diáspora” (da “dispersión”).
- O reino de Xudá permaneceu vasalo dos asirios ata a caída de Nínive en 612. A destrución de Xerusalén por parte do rei babilonio Nabucodonosor (587 a.C.), conduce á fin do estado de Xudá.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios