Mostrando entradas con la etiqueta Historia de Exipto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Historia de Exipto. Mostrar todas las entradas

lunes, 11 de diciembre de 2017

Exipto. A fin do Reino Antigo: as dinastías V e VI (ca. 2450-2150 a.C.)


Mentres que nas dinastías I a III o rei se consideraba encarnación terrea do antigo deus celeste Horus, na IV Dinastía, o faraón Dyedefra (fillo de Keops) fíxose chamar “fillo de Ra”, engadindo este deus solar á imaxinería da todopoderosa realeza exipcia. 
Aínda que as Dinastías V e VI continúan no fundamental coa idea da filiación divina do rei, presentan importantes cambios con respecto á época das grandes pirámides de Giza. 

Por exemplo Userkaf, primeiro faraón da V Din. (ca. 2450) constrúe en Saqqara a pirámide máis pequena construída ata o momento, o que quixo interpretarse como síntoma de decadencia da monarquía. Pero o cambio verdadeiramente importante foi desviar os recursos que non investiu na súa pirámide na construción dun templo solar, que fixo construír en Abusir  (a metade de camiño entre Saqqara e Giza). O templo dispoñía dun recinto amurallado de pedra cun simbólico montículo no centro, para sinalar a relación única do faraón con Ra. No adro, baixo os raios solares, celebraríanse sacrificios en honor do deus nun altar erguido fronte ao montículo. O templo tiña a súa propia dotación de terras e persoal. Desta maneira, Userkaf afondaba na vinculación do faraón co deus solar, Ra, do que continuaba facéndose chamar “fillo”. 

Templo solar de Abusir
Aínda que quixo verse na redución do tamaño da pirámide real un síntoma de decadencia do reino, a erección do templo solar fala máis en favor dun cambio nas representacións do poder que dunha crise económica, como se viña interpretando tradicionalmente.

Unha medida política deste faraón, Huserkaf, que introduciu un cambio importante, foi desvincular o cargo de visir e de “supervisor dos traballos” da familia real, de maneira que os príncipes quedaron excluídos destes mesteres que viñan detendo,  polo menos, dende Snefru, 1º faraón da IV Dinastía.

De aí xurdiu unha nova clase de administradores profesionais, que, a través das súas tumbas, distinguen a paisaxe funeraria destes momentos finais do Reino Antigo, pois agora xa non se concentran arredor da tumba real, senón que se instalan aparte, e presentan unha riqueza inusitada nas mastabas da nobreza. 

As tumbas dos cortesáns

Os espléndidos relevos pintados das tumbas destes altos funcionarios, que antes só se coñecían nos monumentos funerarios reais de Dahshur e Giza, son auténticas obras de arte ademais de incomparables fontes de información histórica. Eses relevos adoitaban representar escenas que describían a elaboración e presentación de ofrendas (pan e cervexa, mobles, xoias, viño...), coa intención de facer cobrar vida a esas imaxes e proverse maxicamente desas ofrendas no caso de que as auténticas se esgotasen. De aí as recorrentes escenas de procesións de oferentes camiñando cara á “porta falsa” que comunicaba coa cámara mortuoria.


Procesión de oferentes na tumba do visir Kagenmi

Igual maxia debía animar as escenas de vida cotiá, con estampas bucólicas de cultivo, pastoreo ou caza, que evocan sobre todo un estado de vida próspero e apacible.

Caza de hipopótamos na tumba do visir Mereruka
Semellante, ou aínda máis ostentosa que estas dos visires, é a mastaba de Ti, o "xefe de peluqueiros do palacio", cuxo título non parecería estar á altura do seu elevado rango. Pero Ti deteu moitos outros títulos e atendeu numerosos cometidos, como xestionar as pirámides e o culto aos faraóns, entre outras tarefas.

Escena de pastoreo na tumba de Ti
Relevos de oferentes na mastaba de Ti.

Ao final da V Dinastía a proliferación de títulos parecía fóra de control, ao igual que o número e o poder que foran acumulando todos estes altos funcionarios, o que ameazaba seriamente a autoridade real. Por iso efectuouse daquela unha reorganización da administración co ánimo de reducir ese corpo de burócratas en número e influencia, pero a cambio de delegar funcións nos funcionarios provinciais. Esta medida acabaría volvéndose en contra do faraón, pois estes delegados acabarían por facerse fortes nos seus respectivos dominios, debilitando o poder central e provocando a fractura definitiva do reino.


viernes, 3 de noviembre de 2017

LINGUAS-ETNIAS no Próximo Oriente e Exipto antigos


As linguas da Antigüidade do Próximo Oriente describen as afinidades étnicas entre os pobos que as comparten, falándonos das súas orixes xeográficas e dos seus movementos e expansión por todo o continente e fóra del.
De seguido presentamos as diferentes linguas próximo-orientais nun cadro (son todas as que están, pero non están todas as que son) segundo categorías, que, excepto a asiánica, cuxo único trazo común é a procedencia asiática, fan referencia a parentescos xenéticos -mesma orixe-, polo que conforman auténticas "familias lingüísticas”





BIBLIOGRAFÍA:

"Módulo I. Semitas e Indoeuropeos. La configuración del mapa étnico de la Antigüedad". Curso Abierto. Universidad de Cantabria (en liña: https://ocw.unican.es/pluginfile.php/2357/course/section/2464/Modulo_I.pdf)


lunes, 5 de diciembre de 2016

Novas de Arqueoloxía. Exipto


Encontran a tumba dunha alta funcionaria da V Dinastía (Reino Antigo) en Guiza


"Este nuevo descubrimiento cuenta con elementos arquitectónicos y decorativos característicos de esa dinastía, como por ejemplo la entrada que lleva a un santuario en forma de L y con una cuenca para purificar. Asimismo, han encontrado en la cámara pinturas "en muy buen estado de conservación" que representan a Hetpet en diferentes escenas de caza o pesca, así como recibiendo ofrendas para sus hijos".

Nova: http://www.publico.es/ciencias/hallan-tumba-alta-funcionaria-imperio-faraonico-piramides-guiza.html EL CAIRO 

Descubren el puerto y los papiros más antiguos del mundo en Egipto

"Hemos hallado cientos de fragmentos de papiros de diferentes medidas, esparcidos y enterrados en la arena, en la zona de las galerías, aunque la mayoría se localizaban en un mismo lugar, parece ser que fueron desechados cuando el sitio fue abandonado. Están relacionados con el asentamiento y la mayoría son registros que informan del funcionamiento de la administración, del reparto de comida y bebida a los trabajadores. Pero también tenemos fragmentos del diario de un oficial de la dinastía IV, que estaba relacionado con la construcción de la Gran Pirámide de Keops en Gizeh"

Nova: https://www.nationalgeographic.com.es/historia/actualidad/descubren-el-puerto-y-los-papiros-mas-antiguos-del-mundo-en-egipto_7189/4



O CSIC atopa un xardín funerario de hai 4000 anos en Luxor

"El Proyecto Djehuty, liderado por el investigador del Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) José Manuel Galán, ha descubierto en la colina de Dra Abu el-Naga, en Luxor (Egipto), un jardín funerario de hace 4.000 años, el primero encontrado hasta el momento. Estos hallazgos corresponden a la 16ª campaña de excavaciones arqueológicas..."

Vídeo: http://bit.ly/2p8qJfn

O primeiro porto monumental de Exipto ten 4.600 anos

Cóntase neste enlace (pica no título) a localización na costa oeste do golfo de Suez dun antigo porto comercial construído por Keops (2580-2550 a.C.), para facilitar a chegada de materiais de importación (cedro do Líbano, cobre e outros minerais, etc.) destinados á construción da súa pirámide. 



viernes, 6 de mayo de 2016

Reconstrucións virtuais: Exipto.


Tumba de Seti I (s.XIII a.C.)


Seti I foi o segundo faraón da dinastía XIX e pai de Ramsés II. A súa tumba-hipoxeo do Val dos Reis (KV17) é a máis longa das coñecidas ata agora, con 174,5 m. Foi descuberta a principios do s. XIX e reescavada en 1902-1903 por Howard Carter. Destaca pola profusa decoración das súas paredes. 



Templo de Luxor

lunes, 5 de enero de 2015

Relixión exipcia (1)




A bóveda celeste no Libro de Nut

Índice

  • Os mitos cosmogónicos exipcios
    1. A cosmogonía heliopolitana
    2. A teoloxía menfita
    3. A cosmogonía hermopolitana
  • O culto a Re
Introdución
Os grandes sistemas que xurdiron en Heliópolis, Menfis e Tebas compartían un fondo común: toda a existencia procedía dunha única fonte orixinal que, tras o acto de creación, produciu toda a diversidade do universo. 
Antes da creación reinaba unha absoluta escuridade e augas infinitas. De aí xurdiu un creador do Universo, que deixou a Nada nas súas marxes, a cal só penetraba no mundo en forma de soños e morte. Esta, entendida como desaparición no medio da confusión do caos, podía remediarse cos rituais de enterramento oportunos, permitindo o renacemento.

Lugares mencionados no texto (en vermello).
Na cosmogonía heliopolitana o principio creador do Universo, de quen este extraeu toda a súa esencia, chamábase Atum. Del xurdiu un mundo finito, iluminado polo Sol e móbil, deixando fóra dos seus límites ese outro estado de “non existencia” caracterizado pola infinitude e a escuridade. Sobre esta rexión anegada por un océano de augas escuras e inmóbiles, flotaba o mundo coñecido.

O mundo creado dispoñía dunha atmosfera que separaba a terra (representaba polo deus Geb/Gueb) do ceo (deusa Nut), á súa vez en contacto co océano escuro. A existencia estaba definida polo movemento rítmico do Sol, que navegaba polo ceo durante o día e pola noite desaparecía por baixo do horizonte accedendo a Duat, como se chamaba a morada dos deuses e dos mortos, inaccesible aos vivos. A viaxe diaria do Sol, co seu ciclo de nacemento, morte e rexurdimento, daba sentido a todo movemento, dende o fluír vital da Humanidade ata as crecidas anuais do Nilo.

Imaxe do Universo. E. A. Wallis Budge (1857-1937) 
- The Gods of the Egyptians Vol. II, p. 96
Os diferentes mitos da creación (Heliopolitano, Menfita e Hermopolitano) coñécense xa dende o Reino Antigo, mentres que a cosmogonía que fai de Amón a orixe da creación, non xurdiu ata o Imperio Novo en Tebas. 

1. A cosmogonía heliopolitana

En Iwnw (Heliópolis) xurdiu un dos sistemas teolóxicos máis influentes da historia exipcia. No seu mito de creación, coñecido principalmente a través dos Textos das Pirámides, xogaba o papel de grande creador Re (o deus do Sol), en substitución de Atum, de quen tomou as súas características. Re-Atum xurdiu do océano primixenio (Nun) e trouxo a luz ao Universo. Axiña xurdirían del Shu, deus do aire, e Tefenis, deusa da humidade, de cuxa unión saíron o deus da terra Geb e a deusa do ceo Nut, ao seu tempo proxenitores de Osiris, Isis, Neftis e Set. Este conxunto ordenado de divindades coñécese como a Enéada Heliopolitana (> 9 deuses).

2. A teoloxía menfita

Estatua de Ptah (madeira dourada, faienza e vidro)
Tumba de Tutankamón, Museo de El Cairo
En Menfis, dous principios divinos, a “percepción” e a “fala creativa”, son as dúas forzas que completan a creación: o deus primordial primeiro imaxina ou forma mentalmente o concepto do mundo e logo o crea mediante a articulación verbal. Para iso emprega a maxia, que é o modo de intervir na realidade mediante a palabra. Ptah, o deus da maxia, era o deus supremo creador e señor da Verdade, principio que funciona como sostén da xustiza e da orde universal.
A pedra de Shabako. Menfis
O papel creativo de Ptah descríbese nun texto coñecido como “Teoloxía Menfita” esculpido nunha pedra de gran negro (a pedra de Shabako, Museo Británico nº498) pensada para ocupar o templo de Ptah en Menfis -durante o reinado de Shabako, da Din. XXV, c. 710 a.C.

A forma de Atum moldeouse alí no corazón, moldeouse na lingua. Pois o verdadeiramente grande é Ptah, quen deu vida a todos os deuses e aos seus kas (espíritos) a través deste corazón e desta lingua, onde Horus adoptou a forma de Ptah, onde Tot adoptou a forma de Ptah.

3. A cosmogonía hermopolitana
Relevo dun templo de Dendera

Como nos outros casos, tamén esta cosmogonía coñecía diferentes versións sobre a creación pero, a diferenza deles, esta non se limitaba a un deus supremo, senón que se refería a unha Ogdóada primordial (8 deuses). Eran 4 deuses masculinos con cabeza de serpe cos seus equivalentes femininos con cabeza de ra: Nun e Nunet (augas primixenias), Heh e Hehet (eternidade), Kok e Koket (escuridade) e Amón e Amonet (aire). A eles se lles atribuía a creación do mundo nun “Primeiro Tempo”. Gobernaron o mundo ata que morreron e, logo da súa morte, retiráronse ao mundo subterráneo onde se encargaban de que o Nilo sempre fluíse e de que o Sol saíra para asegurar que a vida florecese. Dende o Reino Medio, este mundo subterráneo, morada dalgúns deuses, non era un lugar tebroso, senón a localización dun reino ideal ao que todos aspiraban tras a morte: un reino de primavera eterna sen mal, sen doenzas nin tristuras.
Tot. Tumba de Menna, Din. XVIII


Segundo outra versión cosmogónica, a vida xurdira dun Ovo Cósmico posto na Illa de Creación por un ganso chamado “Gran Cacarexador”, ou un ibis que representaba a Tot (nome grego de Dyehuty, patrón de Hermópolis, identificado con Hermes e patrón da escritura). 


Noutro relato, sen embargo, a Ogdóada creou un loto que emerxeu do Lago Sagrado no templo de Hermópolis e abriu os seus pétalos para revelar a Re (ben en forma de neno, ben de cerello -escaravello do esterco- que se transformaba nun neno), quen creou o mundo e a humanidade.
Deusa Maat
En calquera caso, todas as versións partían dun túmulo primordial que, a modo de illa, xurdira do océano primixenio, e esta imaxe era representada por cada templo a onde o rei podía achegarse. Este, de feito, considerábase o fillo divino e sucesor dos deuses tras abandonar a terra, quen tería herdado a soberanía que debería exercer segundo os principios da deusa Maat (a Xustiza entendida como o principio que mantén a Orde Universal, sinónimo de Verdade).

O culto a Re

Nos Textos das Pirámides, principal fonte relixiosa do Reino Antigo, dise que o rei se converterá nunha estrela. Pero, ademais, cada rei proclamaba a súa alianza co deus do Sol (a partir da Dinastía IV fixo chamarse “Fillo de Re”), o que constituía unha crenza moi arraigada no Reino Antigo, como demostra a elección da forma piramidal nas sepulturas reais (imaxe da forma de túmulo da Illa da Creación, onde se pousara o primeiro deus e xurdira a vida [1]). Sen embargo, o culto a Re e o poder dos seus sacerdotes tivo o seu momento álxido na Dinastía V, cando o rei se dicía que vivía sometido á vontade do deus.
Apopis en Duat
Os exipcios crían que o Sol navegaba durante o día arredor do océano circular que rodeaba a terra. No abrente, xurdía no horizonte e empregaba unha barca diúrna para navegar pola bóveda celeste. No solpor, pasaba por debaixo do horizonte para introducirse no mundo subterráneo, por onde tamén fluía o océano, e utilizaba a barca nocturna para atravesar a rexión, deixando a terra ás escuras. Na súa viaxe tiña que encarar moreas de perigos e vencer innumerables demos, o maior dos cales era a serpe Apopis/Apofis, que intentaba devorar o Sol (representada polas nubes que o tapaban).
Jepri/Khepri
Este mito creaba a pauta para a vida, a morte e a resurrección do rei. O Sol adoptaba as máis variadas formas: como Re-Atum era adorado en Heliópolis en canto creador do Mundo, mentres que como Jepri/Khepri (representado como un disco impulsado a través do Universo por un cerello, a imaxe de como este empuxa as pelotas de esterco), simbolizaba o renacemento diario do astro. Na súa madurez, adoptaba a forma de Ra-Haractes (Re no horizonte), en tanto que, como Horus, era rei dos deuses e a forza suprema do mundo. Cada un destes aspectos de Re representaba distintas facetas do seu carácter e funcións.



[1] A pirámide (en exipcio mer: lugar de ascensión) parece que tivo relación co culto ao Sol, e quizais tamén foi considerada unha variante da pedra Benben.

 

Bibliografía

domingo, 25 de noviembre de 2012

O calendario exipcio

Inicialmente tratouse dun calendario agrícola que dividía o ano en 3 estacións de 4 meses cada unha: Akhet (inundación), Peret (crecemento das plantas) e Shemu (recolección). Cada mes tiña 30 días e o ano 360.
O primeiro día do ano coincidía co primeiro día do mes da inundación. Esta data determinouse observando a crecida anual do Nilo, polo que ese día variaba de un ano a outro. Pero axiña vincularon este fenómeno con outro astronómico: a aparición no horizonte antes do abrente da estrela Sepedet (Sothis en grego, tamén Sirio), o que se coñece como orto helíaco de Sothis. Este fenómeno, á altura de Menfis, prodúcese cada 14 de xuño, coincidindo aproximadamente coas primeiras crecidas do Nilo. Dende esta constatación, o ano oficial comezaba o día do orto helíaco de Sothis e, tras observar que se produce cada 365 días, estableceuse esta cifra como medida do ano.
Sen embargo, parece ser que non observaron o orto helíaco de Sothis todos os anos, de maneira que pasaba moito tempo sen faceren as debidas correccións. Posto que o ano solar dura 365 días e 6 horas, a acumulación destas horas ao longo do tempo (o que nós corriximos nos anos bisiestos co 29 de febreiro) producía un desfase que en 120 anos se traducía nun mes enteiro. Debían pasar 1460 anos ata que o ano astronómico volvese coincidir co primeiro día da estación da inundación. Coñécese este lapso temporal como "período sothíaco".
Censorinus (escritor romano do s. III d.C.) informa de que o orto helíaco de Sothis máis o primeiro día do ano oficial coincidiron no ano 139 d.C., calculándose que o mesmo tería acontecido en 1317 e 2773 a.C. Por tanto, a adopción do calendario astronómico exipcio só puido ter acontecido nunha destas datas. Posto que 1317 a.C. é unha data posterior ao rexistro exipcio dalgunhas aparicións do Sothis, dedúcese que ese calendario debeu terse incorporado en 2773 a.C. (durante o reinado de Zoser/Djeser, da III Dinastía).


Debido ao rexistro por parte dos escribas da aparición de Sothis durante o reinado dalgúns faraóns, pódense establecer algunhas datas absolutas. Por exemplo, o sétimo ano do reinado de Sesostris III (nos papiros de Illahun ou Kahun) cae en 1877 a.C.; o noveno ano de Amenofis I (Papiro Ebers) en 1545 e o reino de Tutmosis III inclúe o ano 1469 (Estela de Elefantina). A partir destas datas de referencia,


Papiro Ebers
combinando as fontes literarias e arqueolóxicas, é como os historiadores establecen as súas cronoloxías do Antigo Exipto. Con todo, segue habendo moitas lagoas e tamén discrepancias sobre este tema entre os especialistas (1).


(1) A consideración do ciclo sothíaco como medida para establecer a cronoloxía exipcia, tamén hoxe en discusión, débese a Eduard Meyer , quen defendeu en 1904 que o novo calendario se tería introducido en 4233 (1460 anos antes do reinado de Zoser). Pero esta data, que se remonta ao Neolítico, considérase hoxe demasiado recuada no tempo.

Bibliografía
Lévêque, P. 1991. Las primeras civilizaciones. T. I. De los despotismos orientales a la ciudad griega. Akal (p.65-66)
Lull, J. 2005 La astronomía en el antiguo Egipto. Valencia (pp. 65-83: en liña: http://www.institutoestudiosantiguoegipto.com/calendario.htm)
Vázquez Hoys, A. “El calendario egipcio

viernes, 23 de noviembre de 2012

Testemuños da unificación do Alto e Baixo Exipto


Coitelo de Djebel el-Arak
Durante Nagada IIIb (ca. 3200-3100; Dinastía 0) comeza o proceso de unificación das Dúas Terras (dende o Delta ata Elefantina) por parte dos reis do Alto Exipto asentados en Abydos-Tinis. Este proceso, que non se resolve nun único reinado, reflíctese na iconografía dunha serie de obxectos coñecidos como documentos da unificación. Trátase de tres tipos de obxectos: mangos de coitelos de marfil de hipopótamo, paletas de xisto ou lousa ovaladas e escutiformes, e cabezas de maza piriformes de pedra caliza, que presentan decoración de imaxes en relevo con motivos xustapostos ou ben organizados en rexistros: 
- Mangos de coitelo: enmangan follas de coitelo de sílex (de posible función sacrificial)
- Paletas decoradas: obxectos votivos, evolución das antigas paletas cosméticas (para preparar a pintura para os ollos).
- Cabezas de maza decoradas: versión cerimonial de mazas de guerra.
Moitos destes obxectos proceden do mercado de antigüidades, polo que se descoñece a súa orixe e datación exactas, deducíndose a cronoloxía aproximada da tipoloxía do obxecto e da iconografía das imaxes (caso do coitelo de Djebel el-Arak e a paleta da caza). De escavacións arqueolóxicas procede o Depósito Principal de Hierakómpolis, conxunto de obxectos (cabeza de maza de Escorpión e de Narmer, e paleta de Narmer) localizados nun recinto cerimonial en uso dende a I Dinastía ata o Reino Medio (considerado o primitivo templo de Horus de Nekhem-Hierakómpolis).
En función dos motivos iconográficos representados en cada obxecto, distínguense 4 temas principais: a loita entre a orde e o caos, a caza, a guerra e o ritual.
Coitelo de Brooklyn
Orde cósmica: represéntase en escenas nas que se ordenan animais, como as filas ben dispostas que se desenvolven ao longo do mango do coitelo de Brooklyn (procedentes de Abu Zaidan, Alto Exipto); ou na paleta dos dous cans (Depósito Principal de Hierakómpolis), onde dous cans semella que conteñen o caos flanqueando escenas de animais salvaxes en loita. 
Paleta da caza
Caza: ben representada na paleta da caza, onde se representa a caza de herbívoros (para a subsistencia) e do león (con significado ritual e de prestixio). A presenza dun dobre touro e dunha choza poderían representar a figura do rei.
A guerra: aparece xa ben representada en Nagada IIIa (mango de coitelo de Djebel el Arak), pero repítese frecuentemente en Nagada IIIb (momento da unificación), onde o rei se representa como un animal salvaxe (león, touro, falcón ou escorpión) abatendo aos inimigos (personaxes espidos, con barba e cabeleira rizada). Na paleta dos voitres, algúns destes aparecen devorados polos voitres e outros son conducidos como prisioneiros.
Paleta dos voitres
O mesmo motivo do rei simbolizado por un animal salvaxe arremetendo contra os inimigos vese na paleta do touro e na paleta líbica ou das cidades. Nesta figúranse, dun lado, as cidades rodeadas de murallas enfrontadas por algún deses animais (falcón, león, escorpión) e, noutro, fieiras de bóvidos, burros, ovellas e oliveiras interpretadas como obxectos do tributo debido ao rei polo pobo conquistado.
Cabeza de maza de Escorpión
Cabeza de maza de Narmer
Ritual: o rei só aparece representado con forma humana a finais de Nagada IIIb, nos derradeiros documentos da unificación. O tema principal é o ritual real. Na fragmentada maza de Escorpión o rei aparece a carón dunha canalización, vestido con roupas rituais, cunha aixada e acompañado de dous personaxes provistos de cestos (inaugurando obras de regadío?). Especúlase coa identidade do rei representado con Narmer, quen protagoniza a cabeza de maza que leva o seu nome. Neste caso reflíctese a festa Sed na que o rei celebraba a rexeneración do mundo e a renovación do seu poder. 
Represéntanse dúas cerimonias: presentación do botín da campaña militar que precedía á festa (animais e prisioneiros) e a escenificación da morte e renacemento do monarca (presentado amortallado, co cetro do mallo (ou flaxelo) na man e, neste caso, a coroa vermella do Baixo Exipto. Entre todos estes símbolos funerarios e rexios, domina o conxunto o serekh de Narmer (consignación do seu nome propio).
O documento que mellor reflicte a culminación da unificación de Exipto e a inauguración da monarquía dual é a coñecida Paleta de Narmer. O serekh do rei aparece na cabeceira da paleta flanqueado por imaxes da deusa vaca Bat, asociada á fecundidade e á orde cósmica. O rei represéntase dúas veces en forma animal e dúas en forma humana (coa típica vestimenta ritual: saia, corpiño con tirante e cola de touro), con barba postiza e cola de touro, máis a coroa branca do Alto Exipto. Sostén unha maza cunha man e coa outra a cabeleira do vencido, o habitante do Delta. No anverso o rei aparece coa forma dun touro que abate ao inimigo e conquista fortalezas; en forma humana, agora coa coroa vermella do Baixo Exipto, participa nunha procesión que avanza cara fieiras de inimigos decapitados. Por primeira vez o rei ostenta as dúas coroas do Alto e Baixo Exipto, o que sen dúbida reflicte a unificación do reino.
Despois deste documento caen en desuso paletas votivas, coitelos e mazas rituais, que non volven representar a ideoloxía monárquica, como tampouco a forma animal do rei. Desaparecen tamén tipos iconográficos considerados de orixe mesopotámica, como as figuras de animais enfrontadas (no caso da paleta de Narmer, os leóns de pescozos entralezados), tan característico das representacións do “Señor ou Señora dos Animais”. En adiante consérvanse, pola contra, o motivo da vitoria sobre os inimigos, símbolo inequívoco do poder do rei de conservar a orde cósmica e preservar a integridade do reino. Aínda que estas escenas non necesariamente evocan feitos históricos reais, a súa imaxinería remite a un contexto inequívoco e preciso: unificación do reino exipcio.

Bibliografía
Cervelló Autuori, Josep: “La aparición del estado y la Época Tinita”. En J.M. Parra Ortiz (coord.). 2009. El Antiguo Egipto. Sociedad, Economía, Política. Marcial Pons Historia (p.90-99)

jueves, 22 de noviembre de 2012

Os primeiros xeroglifos exipcios



Cemiterios de Abydos
Tumb U-j
Durante Nagada IIIa2 (ca. 3250 = Protodinástico, Dinastía 00), no cemiterio U de Abydos temos algunhas tumbas que apuntan ao posible carácter desta localidade como “capital” do Alto Exipto unificado. Unha das tumbas en particular (U-j), revestida de adobe e a máis grande localizada ata o momento no Val do Nilo, con ata 12 cámaras, posúe unha cámara funeraria con restos dunha capela de madeira e un cetro heka -antigo caxato de pastor- de marfil, ademais de restos cerámicos autóctonos e outros importados de Palestina (ou imitación).
Algúns dos vasos deste conxunto presentan signos pintados en negro, ao que se engaden pequenas etiquetas de óso gravadas, todo o cal constitúe o testemuño máis antigo de escritura exipcia documentados ata o momento.

Nos vasos pintados temos un ou dous grandes signos: un deles sempre é un animal: un escorpión (o máis abundante), un peixe, unha cuncha, unha cabeza de antílope...., mentres que o segundo pode ser unha árbore, unha caña, unhas canles entrecruzadas, un arco..., co significado de “plantación”, “campo”, “finca agrícola” e “corte (de gando)”.
A tradución do conxunto de signos sería algo así como “plantación de Escorpión”, “corte de Escorpión”, etc., aludindo á procedencia dos contidos dos vasos (nota 1). Os pictogramas con formas de animais, antes que nomes do rei serían máis ben epítetos, a través dos cales se identificaba con eses elementos da natureza: “Plantación de Aquel que se manifesta como un escorpión” ou “que ten as calidades do escorpión”.
Vasos pintados da tumba U-j
Etiquetas
As etiquetas, pola súa vez (unhas 150), conteñen cifras ou signos xeroglíficos. Presentan un pequeno burato, posiblemente para ser atadas aos produtos que acompañaban, de maneira que as cifras farían referencia a medidas ou cantidades, os animais á representacións do rei (falcón, escorpión, cabeza de antílope) e o resto dos xeroglifos aos nomes dos lugares de procedencia (cidades de Buto e Bubastis, no Delta, ou de Elefantina).
Parece non haber probas do emprego desta primeira escritura fóra do contexto funerario, polo que o seu uso puidera ter unha función simbólica, máis que administrativa. Neste sentido, pode interpretarse a cuantificación das ofrendas, a mención do propietario e lugar de procedencia, como un medio de fixalas para a eternidade, como un procedemento destinado a aumentar a “eficacia máxica” do ritual funerario

(nota 1) Posiblemente se trate do tipo de fincas agrícolas que máis tarde, durante o Reino Antigo, se destinaban a abastecer a tumba de ofrendas funerarias e cubrir todos os gastos que mantiñan o culto do defunto.

Bibliografía:

  • Cervelló Autuori, Josep: “La aparición del estado y la Época Tinita”. En J.M. Parra Ortiz (coord.). 2009. El Antiguo Egipto. Sociedad, Economía, Política. Marcial Pons Historia (p.69-124)
  • Raffaele, Fr. 2002. Dinastía 00 Naqada IIc (IIC) - IIIa2 (IIIA2).Trad. esp. en Egiptomanía
  • Abydos – Umm el-Qaab, Royal necropolis of Early Egyp. http://www.dainst.org/es/node/23492?ft=all. Deutsches Archäologisches Institut, 2013

O Rei Escorpión

Outra vez o escorpión identifica a un rei exipcio, esta vez representado en forma humana. Trátase da coñecida como Maza do Rei Escorpión.


Esta maza apareceu xunto á paleta de Narmer e outros obxectos votivos no templo de Horus de Hieracómpolis (grego: "cidade do santuario", en exipcio "Nekhen"), considerada a capital do Alto Exipto antes da Unificación, é dicir, durante o a Dinastía 0 do perído protodinástico (ca.3150-3000). A maza, xigante, formaba parte dun conxunto máis amplo de ofrendas de diferentes momentos, entre o período protodinástico e o Reino Antigo (foto).


Fotos extraídas de La cabeza de maza encontrada en un templo de Hieracómpolisque es la primera mención de la existencia del Rey Escorpión

sábado, 17 de noviembre de 2012

A periodización dinástica exipcia (1)


Para o coñecemento da sucesión de dinastías no antigo Exipto disponse de varios documentos, todos bastante posteriores aos primeiros tempos de aparición do reino unificado e a maioría procedentes do Reino Novo (1570-1070 a.C.)

A Pedra de Palermo. Era unha lápida bastante grande (de uns 2 m. de longo por 0,6 de alto), moi fragmentada, da que o anaco máis grande se conserva no Museo de Palermo. Contén un texto compilado durante a dinastía V (2498-2345), en forma de anais que recolle por anos algúns dos acontecementos máis importantes do reinado de cada soberano. Desgraciadamente, perdéronse case todos os nomes e acontecementos correspondentes ás dinastías I e II. 

Lista dos Reis de Karnak. Foi esculpida no templo de Amón en Karnak e consérvase no Museo de Louvre. Dá os nomes dende Menes (Narmer?, unificador do reino exipcio, ca. 3100/3000) ata Tutmosis III (dinastía XVIII, 1570-1293, Reino Novo). Omite os reis dos períodos intermedios. 


Táboa de Saqqara. Lista de reis escrita na tumba dun escriba da dinastía XIX (1293-1185, Reino Novo). Contén os nomes dos faraóns ata Ramsés II (excluíndo o período de Amarna), pero empeza só no sexto faraón da dinastía I, Anedjib.


Lista dos Reis de Ábidos. Escrita nas paredes do templo funerario de Seti I (dinastía XIX), e copiada polo seu fillo Ramsés II no seu templo de Ábidos. Omite tamén a Akhenatón e sucesores (Smenkhare, Tutankamón e Ay) e aos monarcas dos períodos intermedios.


Canon de Turín  /Canon Real de Turín / Lista dos Reis de Turín (Museo de Turín): papiro no que se conserva só parte da lista dos faraóns. Foi compilado no século XIII a.C. (durante a dinastía XIX).
Canon de Turín

Manetón de Sebenitos: sacerdote exipcio que escribiu unha historia do seu país en grego (Aegyptiaca) a comezos do sécul III a.C. Esta obra só se conserva a través de citas en obras posteriores. Ordena  a historia exipcia en dinastías (entendido este termo en sentido etimolóxico: dynasteia “autoridade, goberno”, polo que non cabe esperar relacións de descedencia entre os faraóns). Presenta a mesma estrutura que o Canon de Turín, cun primeiro período no que gobernaron os deuses e logo 30 dinastías humanas dende Menes ata a época inmediatamente anterior á conquista de Alexandre Magno (332 a.C.)

Bibliografía


Grimal, N. 1996 (ed.or. 1988) Historia del Antiguo Egipto. Akal. Madrid (p.51-52) En liña: http://excavarymemoria.files.wordpress.com/2012/03/nicolas-grimal-historia-del-antiguo-egipto11.pdf
Vázquez Hoys, A. 2007. Historia del Mundo Antiguo. Próximo Oriente y Egipto. Sanz y Torres. Madrid (p.311-312)