domingo, 20 de octubre de 2019

Súmer e o xurdimento da escritura


O neolítico próximo-oriental remonta polo menos ao 10.000 a.C., o que supón a posible “invención” nesta rexión (concretamente en Anatolia) da agricultura, e tamén da gandería. O Neolítico considerouse tradicionalmente unha revolución porque cambiou radicalmente o modo de vida das comunidades humanas, ata ese momento itinerantes, cazadoras e recolectoras. 
Coa emerxencia da agricultura, e máis da gandería, as xentes podían permitirse asentarse durante máis tempo mesmo no mesmo territorio sen esgotar os recursos dispoñibles, o que facilitaría progresivamente a sedentarización definitiva das comunidades ata a aparición das primeiras grandes aglomeracións urbanas. Coa emerxencia destas grandes aglomeracións xorden os primeiros signos evidentes de xerarquización social, cando determinados grupos sociais conseguen impoñerse sobre a maioría para rexer os asuntos públicos e xestionar os recursos colectivos da comunidade. 

Sobre esta base, xorden as primeiras autoridades políticas vinculadas a novas infraestruturas urbanas, como o templo sumerio. Este vai converterse no centro da vida dunha nova configuración política, o Estado, onde un personaxe, o sacerdote, se erixe en representante da divindade, dona suprema de todos os bens da comunidade, lexitimando por tanto a súa posición como gobernante político e militar, líder relixioso e xefe da administración pública.

O templo, ademais de casa do deus e sé do gobernante, vai ter un papel económico fundamental ao converterse en grande almacén onde se centralizan as contribucións en especie de todos os membros da comunidade, o que serve tanto como sustento do aparato do Estado como salvagarda do benestar colectivo en tempos de crise alimentaria.

A acumulación de inxentes recursos no templo estimula a invención duns primeiros e rudimentarios instrumentos contables que, pouco a pouco se irán sofisticando ata dar lugar á aparición da escritura. Esta técnica comeza empregando signos de tipo pictográfico ou ideográfico, o que supón representar ideas mediante imaxes facilmente identificables, para, en principio, rexistrar os movementos do almacén, cos seus fondos, entradas e saídas. Dende Súmer, o arquivo é unha institución practicamente consubstancial ao aparato do Estado.

Consulta o cadro seguinte, onde poderás ver a periodización da Baixa Mesopotamia dende época protohistórica ata fins do IIIº milenio (pincha pra ampliar)



En torno a mediados do Vº milenio, no período de El Obeid/El Ubaid, as poboacións neolíticas protourbanas desenvolven estruturas templarias na Baixa Mesopotamia, aparecendo os primeiros restos na cidade de Eridú “a primeira cidade creada polos deuses”, asociados aos primeiros instrumentos contables (os mencionados calculli).

Cilindro-selo, calculli, bulla, taboíña
O seguinte período denominado de Uruk, porque foi nesta cidade na que se testemuñaron as primeiras innovacións culturais respecto ao período anterior, documéntanse os primeiros cilindros-selo, obxectos de forma cilíndrica con figuras gravadas que, a modo de selo, deixaban a súa impronta na arxila fresca co propósito de deixar unha marca de propiedade. Pouco despois na fase coñecida como Uruk IV (ca. 3300-3150), aparecen os primeiros signos pictográficos precursores do cuneiforme e xa escritura propiamente dita, que aínda han atravesar a fase seguinte (ca. 3150-2900: Uruk III = Jemdet Nasr -polo xacemento epónimo que tamén documenta esta innovación), cando os signos pictográficos deixan de ser ideogramas (representacións figurativas de conceptos) pra se converteren en fonogramas (unha imaxe con valor de fonema, sílaba, etc.)
Evolución signos cuneiformes


Neste período, que marca a fin da Protohistoria, os primeiros signos escritos xa adoitan escribirse sobre a taboíña de arxila típica do mundo mesopotámico, que rematará adoptando o estilo cuneiforme (evolución formal dos fonogramas anteriores) a partir do seguinte período (Protodinástico ou Dinástico Arcaico, ca. 2900), cando podemos falar xa con rigor do nacemento da Historia Antiga Mesopotámica. O que determina o nacemento desta fase, o que marca o tránsito definitivo da Prehistoria á Historia Antiga, non vai ser logo, nin a urbanización, nin a aparición de arquitecturas relixiosas, nin a evidente complexización social das comunidades urbanas coa emerxencia da Cidade-Estado, senón o desenvolvemento da escrita como ferramenta imprescindible para a eficaz administración do aparato dese Estado agora emerxente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Comentarios