lunes, 11 de diciembre de 2017

Exipto. A fin do Reino Antigo: as dinastías V e VI (ca. 2450-2150 a.C.)


Mentres que nas dinastías I a III o rei se consideraba encarnación terrea do antigo deus celeste Horus, na IV Dinastía, o faraón Dyedefra (fillo de Keops) fíxose chamar “fillo de Ra”, engadindo este deus solar á imaxinería da todopoderosa realeza exipcia. 
Aínda que as Dinastías V e VI continúan no fundamental coa idea da filiación divina do rei, presentan importantes cambios con respecto á época das grandes pirámides de Giza. 

Por exemplo Userkaf, primeiro faraón da V Din. (ca. 2450) constrúe en Saqqara a pirámide máis pequena construída ata o momento, o que quixo interpretarse como síntoma de decadencia da monarquía. Pero o cambio verdadeiramente importante foi desviar os recursos que non investiu na súa pirámide na construción dun templo solar, que fixo construír en Abusir  (a metade de camiño entre Saqqara e Giza). O templo dispoñía dun recinto amurallado de pedra cun simbólico montículo no centro, para sinalar a relación única do faraón con Ra. No adro, baixo os raios solares, celebraríanse sacrificios en honor do deus nun altar erguido fronte ao montículo. O templo tiña a súa propia dotación de terras e persoal. Desta maneira, Userkaf afondaba na vinculación do faraón co deus solar, Ra, do que continuaba facéndose chamar “fillo”. 

Templo solar de Abusir
Aínda que quixo verse na redución do tamaño da pirámide real un síntoma de decadencia do reino, a erección do templo solar fala máis en favor dun cambio nas representacións do poder que dunha crise económica, como se viña interpretando tradicionalmente.

Unha medida política deste faraón, Huserkaf, que introduciu un cambio importante, foi desvincular o cargo de visir e de “supervisor dos traballos” da familia real, de maneira que os príncipes quedaron excluídos destes mesteres que viñan detendo,  polo menos, dende Snefru, 1º faraón da IV Dinastía.

De aí xurdiu unha nova clase de administradores profesionais, que, a través das súas tumbas, distinguen a paisaxe funeraria destes momentos finais do Reino Antigo, pois agora xa non se concentran arredor da tumba real, senón que se instalan aparte, e presentan unha riqueza inusitada nas mastabas da nobreza. 

As tumbas dos cortesáns

Os espléndidos relevos pintados das tumbas destes altos funcionarios, que antes só se coñecían nos monumentos funerarios reais de Dahshur e Giza, son auténticas obras de arte ademais de incomparables fontes de información histórica. Eses relevos adoitaban representar escenas que describían a elaboración e presentación de ofrendas (pan e cervexa, mobles, xoias, viño...), coa intención de facer cobrar vida a esas imaxes e proverse maxicamente desas ofrendas no caso de que as auténticas se esgotasen. De aí as recorrentes escenas de procesións de oferentes camiñando cara á “porta falsa” que comunicaba coa cámara mortuoria.


Procesión de oferentes na tumba do visir Kagenmi

Igual maxia debía animar as escenas de vida cotiá, con estampas bucólicas de cultivo, pastoreo ou caza, que evocan sobre todo un estado de vida próspero e apacible.

Caza de hipopótamos na tumba do visir Mereruka
Semellante, ou aínda máis ostentosa que estas dos visires, é a mastaba de Ti, o "xefe de peluqueiros do palacio", cuxo título non parecería estar á altura do seu elevado rango. Pero Ti deteu moitos outros títulos e atendeu numerosos cometidos, como xestionar as pirámides e o culto aos faraóns, entre outras tarefas.

Escena de pastoreo na tumba de Ti
Relevos de oferentes na mastaba de Ti.

Ao final da V Dinastía a proliferación de títulos parecía fóra de control, ao igual que o número e o poder que foran acumulando todos estes altos funcionarios, o que ameazaba seriamente a autoridade real. Por iso efectuouse daquela unha reorganización da administración co ánimo de reducir ese corpo de burócratas en número e influencia, pero a cambio de delegar funcións nos funcionarios provinciais. Esta medida acabaría volvéndose en contra do faraón, pois estes delegados acabarían por facerse fortes nos seus respectivos dominios, debilitando o poder central e provocando a fractura definitiva do reino.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Comentarios