 |
Coitelo de Djebel el-Arak |
Durante Nagada IIIb (ca. 3200-3100;
Dinastía 0) comeza o proceso de unificación das Dúas Terras (dende o Delta ata
Elefantina) por parte dos reis do Alto Exipto asentados en Abydos-Tinis. Este
proceso, que non se resolve nun único reinado, reflíctese na iconografía dunha
serie de obxectos coñecidos como documentos da unificación. Trátase de tres
tipos de obxectos: mangos de coitelos de marfil de hipopótamo, paletas de xisto
ou lousa ovaladas e escutiformes, e cabezas de maza piriformes de pedra caliza,
que presentan decoración de imaxes en relevo con motivos xustapostos ou ben
organizados en rexistros:
- Mangos de coitelo: enmangan follas de
coitelo de sílex (de posible función sacrificial)
- Paletas decoradas: obxectos votivos,
evolución das antigas paletas cosméticas (para preparar a pintura para os
ollos).
- Cabezas de maza decoradas: versión
cerimonial de mazas de guerra.
Moitos destes obxectos proceden do mercado
de antigüidades, polo que se descoñece a súa orixe e datación exactas, deducíndose
a cronoloxía aproximada da tipoloxía do obxecto e da iconografía das imaxes (caso
do coitelo de Djebel el-Arak e a paleta da caza). De escavacións arqueolóxicas
procede o Depósito Principal de Hierakómpolis, conxunto de obxectos (cabeza de
maza de Escorpión e de Narmer, e paleta de Narmer) localizados nun recinto
cerimonial en uso dende a I Dinastía ata o Reino Medio (considerado o primitivo
templo de Horus de Nekhem-Hierakómpolis).
En función dos motivos iconográficos
representados en cada obxecto, distínguense 4 temas principais: a loita entre a
orde e o caos, a caza, a guerra e o ritual.
 |
Coitelo de Brooklyn
|
Orde cósmica: represéntase en escenas nas
que se ordenan animais, como as filas ben dispostas que se desenvolven ao longo
do mango do coitelo de Brooklyn (procedentes de Abu Zaidan, Alto Exipto); ou na
paleta dos dous cans (Depósito Principal de Hierakómpolis), onde dous cans
semella que conteñen o caos flanqueando escenas de animais salvaxes en loita.
 |
Paleta da caza |
Caza: ben representada na paleta da caza,
onde se representa a caza de herbívoros (para a subsistencia) e do león (con
significado ritual e de prestixio). A presenza dun dobre touro e dunha choza
poderían representar a figura do rei.
A guerra: aparece xa ben representada en
Nagada IIIa (mango de coitelo de Djebel el Arak),
pero repítese frecuentemente en Nagada IIIb (momento da unificación), onde o
rei se representa como un animal salvaxe (león, touro, falcón ou escorpión)
abatendo aos inimigos (personaxes espidos, con barba e cabeleira rizada). Na
paleta dos voitres, algúns destes aparecen devorados polos voitres e outros son
conducidos como prisioneiros.
 |
Paleta dos voitres |
|
O mesmo motivo do rei simbolizado por un
animal salvaxe arremetendo contra os inimigos vese na paleta do touro e na paleta líbica ou das cidades. Nesta figúranse, dun lado, as cidades rodeadas de
murallas enfrontadas por algún deses animais (falcón, león, escorpión) e,
noutro, fieiras de bóvidos, burros, ovellas e oliveiras interpretadas como
obxectos do tributo debido ao rei polo pobo conquistado.
 |
Cabeza de maza de Escorpión |
 |
Cabeza de maza de Narmer |
Ritual: o rei só aparece representado con
forma humana a finais de Nagada IIIb, nos derradeiros documentos da
unificación. O tema principal é o ritual real. Na fragmentada maza de Escorpión
o rei aparece a carón dunha canalización, vestido con roupas rituais, cunha
aixada e acompañado de dous personaxes provistos de cestos (inaugurando obras
de regadío?). Especúlase coa identidade do rei representado con Narmer, quen
protagoniza a cabeza de maza que leva o seu nome. Neste caso reflíctese a festa
Sed na que o rei celebraba a rexeneración do mundo e a renovación do seu poder.
Represéntanse dúas cerimonias: presentación do botín da campaña militar que
precedía á festa (animais e prisioneiros) e a escenificación da morte e
renacemento do monarca (presentado amortallado, co cetro do mallo (ou flaxelo) na man e,
neste caso, a coroa vermella do Baixo Exipto. Entre todos estes símbolos
funerarios e rexios, domina o conxunto o serekh de Narmer (consignación do seu nome propio).
O documento que mellor reflicte a
culminación da unificación de Exipto e a inauguración da monarquía dual é a
coñecida Paleta de Narmer. O serekh do rei aparece na cabeceira da paleta
flanqueado por imaxes da deusa vaca Bat, asociada á fecundidade e á orde
cósmica. O rei represéntase dúas veces en forma animal e dúas en forma humana
(coa típica vestimenta ritual: saia, corpiño con tirante e cola de touro), con barba
postiza e cola de touro, máis a coroa branca do Alto Exipto. Sostén unha maza
cunha man e coa outra a cabeleira do vencido, o habitante do Delta. No anverso
o rei aparece coa forma dun touro que abate ao inimigo e conquista fortalezas;
en forma humana, agora coa coroa vermella do Baixo Exipto, participa nunha
procesión que avanza cara fieiras de inimigos decapitados. Por primeira vez o
rei ostenta as dúas coroas do Alto e Baixo Exipto, o que sen dúbida reflicte a
unificación do reino.
Despois deste documento caen en desuso paletas
votivas, coitelos e mazas rituais, que non volven representar a ideoloxía
monárquica, como tampouco a forma animal do rei. Desaparecen tamén tipos
iconográficos considerados de orixe mesopotámica, como as figuras de animais
enfrontadas (no caso da paleta de Narmer, os leóns de pescozos entralezados), tan
característico das representacións do “Señor ou Señora dos Animais”. En adiante
consérvanse, pola contra, o motivo da vitoria sobre os inimigos, símbolo
inequívoco do poder do rei de conservar a orde cósmica e preservar a integridade
do reino. Aínda que estas escenas non necesariamente evocan feitos históricos
reais, a súa imaxinería remite a un contexto inequívoco e preciso:
unificación do reino exipcio.
Bibliografía
Cervelló Autuori, Josep: “La aparición del estado y la Época
Tinita”. En J.M. Parra Ortiz (coord.). 2009. El Antiguo Egipto. Sociedad,
Economía, Política. Marcial Pons Historia (p.90-99)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios