Nesta
entrada ofrécese unha síntese do tema 5
do libro de R. López Melero. 2011 (2ª ed.) Breve Historia del Mundo Antiguo.
Editorial Universitaria Ramón Areces.
GLOSARIO
- arconte: maxistrado supremo da polis.
- aristoi (sg. aristos): "os mellores" (> aristocracia: goberno dos mellores)
- demos: pobo, masa de cidadáns (> democracia: goberno do pobo)
- hoplita (>hoplos "escudo"): soldado de infantería pesada. Cidadán armado que participa na defensa activa da cidade en formación pechada, a falanxe (fronte ao heroe-campión de época homérica -v.g. Aquiles-, que se batía en combate singular, corpo a corpo)
- nomos (pl. nomoi): lei
- polis (orixe do termo "política/o"; en pl. poleis): cidade-estado grega.
- sinecismo: reunión de poboacións (etimoloxía: syn "común, conxunto" + oikos "casa")
- stasis: conflito social, desorde
EVOLUCIÓN:
- A democracia ateniense
tómase como modelo para falar en xeral da democracia grega por ser o seu berce
e o caso mellor documentado.
- Os anteriores
protagonistas da estrutura política [1] das comunidades gregas, os
grupos familiares (genos, pl. gene), dan paso ao corpo de cidadáns. Agora cada cidadán participa
directamente na xestión da polis, independentemente da súa adscrición a un
grupo de parentesco ou liñaxe.
[1] Estrutura política: relacións de
poder entre os grupos sociais e/ou os individuos. Estrutura xerárquica:
relacións de dominación e dependencia; estrutura igualitaria: paridade xurídica
e política (gr. isonomía)
- A busca da isonomía
(igualdade perante a lei), o principal obxectivo do réxime democrático, pasa
por diferentes fases de desenvolvemento ata a súa completa consolidación na
época de Pericles (s.V a.C.)
- Solón: reformador político. Dá os primeiros pasos cara a desarticulación do réxime aristocrático anterior.
- Pisístrato: tirano populista, respectuoso coas reformas solonianas.
- Clístenes: reformista ateniense. O demos ("pobo") depositario do poder político. O novo demos desvincula ao individuo dos vellos vínculos de dependencia persoal. Descrédito da iniciativa individual fronte á vontade colectiva representada polas leis (nomoi).
- Pericles: un dos fundadores da “democracia radical”. Xurdimento da figura do demagogo (perversión do réxime).
RASGOS DISTINTIVOS DAS DEMOCRACIAS ANTIGAS
- As poleis ou
comunidades políticas gregas identificábanse, non como na actualidade polos
seus respectivos nomes xeográficos (España, Franza...), senón polo etnónimo ou
xentilicio dos seus cidadáns: os Atenienses, os Espartanos..., en recoñecemento
da importancia deses cidadáns como verdadeiros axentes da vida política.
- A principal diferenza
con respecto ás democracias actuais é a participación directa dos cidadáns na
vida pública da comunidade, con voz e voto nos tribunais de xustiza e nas
asembleas para a resolución dos asuntos de interese colectivo (democracia
representativa fronte a democracia directa).
- O cidadán (home e
adulto) gozaba dun estatuto privilexiado fronte aos individuos excluídos da
vida política: mulleres, estranxeiros e escravos.
- A polis non distingue
entre administración e política. Os órganos de goberno son multifuncionais.
- Relixión adaptada á
política. O panteón común dos deuses gregos adáptase en cada polis para
escoller unha divindade tutelar (Atenea é a deusa protectora de Atenas, por
exemplo). Estes deuses convértense en depositarios de certos valores que
funcionan como elementos de cohesión
política ("da polis"; de aí a transcendencia da celebración
periódica de certos ritos relixiosos públicos, como as Panateneas en honor de
Atenea).
SOLÓN E A DEMOCRACIA ATENIENSE
A Athenaion politeia
(Constitución de Atenas), escrita no século IV, atribúe os comezos da
democracia ateniense ás reformas lexislativas de Solón (entre 580-570 a.C.),
aínda que posiblemente esta fonte lle atribúe medidas anacrónicas (como a
capacidade de que calquera cidadán puidese apelar perante un tribunal popular
ou incoar procesos públicos a favor de algún prexudicado).
![]() | |
Ánfora de figuras negras |
O motor das reformas viña
dado polo ambiente político de stasis (concepto político xenuinamente grego, co
significado de "disensión, conflito, desorde..."), propiciada por
unha crise de valores no seo da propia aristocracia. Fronte á estirpe, o valor
militar e os dotes oratorios que ata o momento habilitaban aos aristoi
para as funcións de goberno, agora reclámase o valor do patrimonio, é dicir, da
riqueza. Este cambio de valores coincide coa emerxencia duns sectores artesanal
e comercial cada vez máis puxantes (caso da produción de cerámica de figuras
negras, distribuída por todo o Mediterráneo e Mar Negro ao longo do s. VI
a.C.), que certos sectores da aristocracia tradicional quixeron promover e
controlar.
O NOVO CORPO DE CIDADÁNS
O incremento demográfico
que estimulou a fundación de colonias gregas ao longo de toda a cunca
Mediterránea, provocou paralelamente no país grego a presión sobre as terras de
cultivo e o endebedamento económico para mantelas (pola necesidade de pedir o
gran prestado), o que podía derivar na perda da condición libre. O
empobrecemento do campesiñado e a escravización polas débedas de moitos
comprometía o mantemento do corpo cidadán, mermando a capacidade do exército
hoplítico, que debía estar formado por homes libres capaces de custear o seu
propio equipo militar.
Esta conxuntura, no medio
do fervor democrático que estaba espertando, dan pleno sentido ás reformas
emprendidas por Solón:
- Libera aos hektémoroi
(campesiños obrigados a pagar 1/6 das súas colleitas) abolindo as súas débedas,
arrincando os marcos que marcaban a servidume das terras e facéndoos
propietarios das mesmas.
- Prohibe tomar ao
prestameiro como garantía do préstamo (escravitude)
- Organiza aos cidadáns
en 4 clases en función das súa rendas (sistema censitario) e fainos
participantes no goberno en función das mesmas:
- pentakosiomédimnoi: capaces de producir 500 medimnos (medida de áridos) de gran. Deste grupo extraíanse os tamiai (tesoureiros), quen tiñan que responder co seu patrimonio da administración das finanzas.
- hippéis: capaces de producir 300 medimnos de gran e sufragar os gastos dun cabaleiro (cabalo e armamento).
- zeugitai: propietarios dunha xugada de bois. Hoplitas ou infantes pesados. Accedían ás maxistraturas menores.
- thetes: non dispoñían de terras. Membros da asemblea (ekklesía -de onde "igrexa") e do tribunal popular (heliaia).
O criterio económico -ou
censitario- para a atribución de responsabilidades políticas abría as funcións
de goberno a un maior número de cidadáns do que o réxime aristocrático
anterior, limitado aos membros dunha nobreza de liñaxe.
Solón lexisla e fai
pública a promulgación das leis mediante os denominados áxones
("eixes"), situados nun edificio público.
![]() |
Axón: barras de madeira
xiratorias sobre as que se colocaban carteis -pergameos ou papiros- con anuncios ou avisos. |
A TIRANÍA DE PISÍSTRATO.
A mediados do s.VI Solón desaparece da
escena política ateniense e aparece Pisístrato. Nese
momento distínguense 3 faccións políticas en conflito:
- a da chaira (as mellores terras posuídas polos terratenentes), encabezada por Licurgo, que defendía o retorno aos tempos pre-solonianos.
- a da costa (zona industrial e comercial), encabezada por Megacles, favorable ás reformas de Solón.
- a da altura (terras máis pobres, lonxe da chaira), liderada por Pisístrato, que se tería apoiado nos campesiños menos favorecidos para desenvolver novas reformas na liña de Solón.
Durante o período da súa
tiranía, Atenas coñece unha crecente prosperidade económica, o que reverte
nunha inxente inversión en materia urbanística (construíu templos, acuedutos,
mercados...)
Fontes antigas, eloxiosas
do seu goberno (Heródoto, Tucídides, a Constitución de Atenas), afirman que
Pisístrato respectou as leis establecidas e máis as maxistraturas, aínda que
controlando a elección dos candidatos.
A tiranía (categoría política propiamente grega),
consistía na auto-atribución dun poder persoal sen límites. Pisístrato, por
tanto, non desempeñaba ningunha maxistratura dentro da polis, afirmando o seu
poder mediante o apoio dunha forte garda de corps, pero non menos no apoio
popular derivado da súa política populista. A parte de investir grandes
recursos no embelecemento da urbe politana:
- Estableceu un imposto do 5% sobre as rendas
dos cidadáns, ingresos dos que detraeu parte para facer préstamos a campesiños
necesitados.
- Creou un corpo de
xuíces itinerantes para facilitar a administración de xustiza nas zonas rurais
da Ática, aínda moi influenciadas polas vellas aristocracias locais.
CLÍSTENES
Clístenes, da familia
aristocrática dos Alcmeónidas, impúxose fronte aos seus rivais políticos nunha
nova loita polo poder en Atenas tras a etapa pisistrátida. Heródoto considérao
o verdadeiro fundador da democracia pola súa profunda reforma constitucional.
AS TRIBOS
A finais do século VI
(entre 503-502 a.C.) o corpo electoral ateniense distribúese en 10 tribos
(fronte ás 4 tradicionais -diferentes das clases solonianas), entre as que se
repartiron por igual habitantes das 3 zonas xeográficas áticas (urbe Atenas, costa e chaira, cada unha cos seus intereses e liderados
particulares). Cada zona dividiuse en 10 áreas xeográficas, atribuíndose cada
unha á súa tribo (→ 30 tritias). Esta estratexia destinábase a evitar que as
fortes relacións de dependencia local persistentes en cada zona influíran no
sentido do voto dos cidadáns. Poñendo cada tribo baixo a advocación dun heroe
tradicional, rompía tamén a tendencia a identificarse coas vellas tribos
encabezadas por familias aristocráticas.
A BOULÉ
A bulé ou Consello dos
500 foi outra das innovacións institucionais de Clístenes. Os seus membros
elixíanse anualmente por sorteo, sen posibilidade de reelección. Cada tribo achegaba
50 elixibles ao consello. Nacía coa misión de exercer a proboúleusis, a
selección da materia de debate a someter á ekklesía (asemblea popular).
Nestes organismos participaban indiferentemente todos os cidadáns sen
distinción, aínda que os membros do consello eran menos numerosos e dispoñían
do tempo e recursos necesarios para presentaren as súas propostas.
O Areópago, o vello
consello aristocrático, seguiu vixente durante esta etapa nutríndose dos
arcontes saíntes (150 membros) e conservando a súa función de «garda das
leis», ata Efialtes, que rematou por anulalo (ver infra).
DO DEMO RURAL AO DEMO ADMINISTRATIVO
O territorio da Ática, a
parte da cidade de Atenas e do seu porto anexo, o Pireo, dividíase en
diferentes demos ou circunscricións de moi diverso tamaño organizados en torno
a un pequeno núcleo de poboación. Eran unha pervivencia do poboamento anterior
ao sinecismo constitutivo da polis.
Sobre o modelo do vello
demos formáronse uns 130 novos, que se incluíron nas 30 tritias (trittiyes)
repartidas entre as 10 tribos. Cada cidadán foi inscrito no demo no que vivía,
herdándose en adiante de pais a fillos a referencia ao demo con independencia
do lugar de residencia. A onomástica grega deste momento consistía no nome
persoal máis o patronímico (nome do pai) máis o nome do demo. O cidadán
ateniense de pleno dereito era o demotes "membro dun demo",
aquel home adulto (maior de 18 anos) censado que tiña os mesmos dereitos e
deberes independentemente da súa condición social.
Demos da Ática
![]() |
Os demos eran pequenas
comunidades autónomas, con terra comunal, cultos locais e administración de
finanzas propios. Funcionaba ademais como unidades de recrutamento e
tributación.
DEMOS - INSTITUCIÓNS | |
MAXISTRATURA
|
démarchos (demo + arch "poder, autoridade")
|
ASEMBLEA
(reunión de demotai)
|
|
TESOUREIRO
|
Algunhas unidades de
poboación demasiado pequenas xuntábanse nun demos único, mentres que a área
urbana de Atenas dividíase en varios.
[escoitar audio da profesora Raquel López Melero sobre Clístenes]
A FIN DO AREÓPAGO
Este vello consello,
reminiscencia do sistema aristocrático, cobrou grande prestixio tras as Guerras
Médicas (primeira metade do s. V a.C.) e con iso moita influencia política.
Ademais de ter certo carácter sagrado pola súa orixe ancestral, estaba formado
por ex-arcontes, é dicir, políticos de grande experiencia. Con todo, a súa
estrutura chocaba frontalmente co ideal de isonomía da polis, que esixía
rotación nas responsabilidades públicas e depositaba sobre os órganos
colectivos abertos a todos os cidadáns a maior capacidade de decisión.
Estes órganos eran as
pritanías (prytaneia), 1/10 parte da Boulé elixidas polas tribos, que
residían nun edificio público da cidade durante 1/10 parte do ano, constituída
en sesión permanente e presidida cada día dese mes por un dos seus membros
elixidos por sorteo e non reelixible. O presidente da pritanía en exercicio
tamén o era da Boulé e (dende o 487 a.C.) tamén da Ekklesía, cando se reunía.
Non se sabe se as
pritanías remontan a Clístenes, porque non está claro que levara tan lonxe a
substitución do Areópago pola Boulé. Conxectúrase que a substitución se tería
producido con Efialtes que, co apoio de Pericles, conseguiu en todo caso en 462
a.C. arrebatarlle ao Areópago os seus poderes xudiciais. Desta maneira
eliminaríase o último obstáculo ao monopolio do poder do pobo.
O IMPERIALISMO ATENIENSE
Durante as Guerras
Médicas, a aposta ateniense polas súas forzas navais, nutridas de cidadáns da
clase inferior en postos de remeiros (os thetes), foi decisiva para a
vitoria contra os persas na batalla naval de Salamina (480 a.C.). Esta
vitoria puxo en evidencia o papel secundario ante a ameaza persa das forzas militares
terrestres de hoplitas e cabaleiros, o groso dos continxentes gregos, dando a
oportunidade a Atenas de converterse nunha potencia marítima no mar
Exeo. A situación de inseguridade que seguía reinando fronte á ameaza exterior,
permitiulle a Atenas ofrecerse como garante de seguridade marítima nos
territorios ribeiregos do Exeo a cambio de contribucións monetarias e axuda
militar.
A hexemonía ateniense
daqueles momentos, coñecida historiograficamente como Imperio Ateniense, dá
paso a unha situación ambigua, posto que aínda que as poleis gregas postas
baixo a súa protección non perden a súa autonomía formalmente, si que poden
considerarse baixo protectorado en sentido moderno: os decretos da asemblea
ateniense lexitiman a inxerencia política sobre aquelas poleis enviando
inspectores, guarnicións militares e colonos (klerouchoi) quen
arrebataron terras aos locais (tema 4). En suma, impuxeron a democracia onde
non a había, aínda que se respectasen oligarquías onde o réxime fose
colaboracionista.
Entre 480-430 (entre a
batalla de Salamina e a longa guerra do Peloponeso, contra Esparta), os
Atenienses gozaron dos beneficios dese imperio. Esta etapa coincide co mandato
de Pericles, un estratego (xeneral dos exércitos) que conseguiu, a través desta
maxistratura sucesivamente renovada, dirixir a vida pública de Atenas. A bonanza económica que caracteriza esta
etapa imperialista, permite que as funcións públicas democráticas (asistencia
ás asembleas populares e aos tribunais de xustiza) sexan sufragadas pola polis.
Páganselle salarios tamén aos membros do consello e algúns maxistrados, e máis
aos remeiros da flota e aos hoplitas.
A continua afluencia de
escravos cobre todas as actividades produtivas (agricultura, artesanía,
comercio, obras públicas, minería...) favorece que se creen grandes fortunas.
Moitos campesiños libres acudiron á cidade atraídos pola remuneración da
actividade política, mentres o campo deixa de cultivarse.
A POLÍTICA DOS DEMAGOGOS
A afluencia dos cidadáns
aos órganos de decisión a cambio de salario reforza a participación cidadá na
democracia directa, pero esa masa de cidadáns inexpertos en temas políticos
acaban caendo nas redes dos máis formados en materia política (demagogós, "o
que conduce ao demos", o líder popular). Esta clase de políticos
profesionais formaban parte dun grupo con recursos e tempo para formárense en
xeral, e moi particularmente en materias como a retórica, esa
sofisticada técnica da persuasión na que os gregos foron mestres. O paradoxo da
democracia radical dos tempos de Pericles reside precisamente nesa complicada
relación entre a participación popular na vida pública e na capacidade dalgúns
"iguais" para influenciar á masa e atraela cara ás propias opinións.
Para os mesmos gregos foi obvio que a influencia dos demagogos supoñía unha
clara contradición co principio de isonomía e da intranscendencia da
iniciativa individual na xestión dos asuntos públicos. A demagoxia grega, en
fin, non se distingue do que hoxe entendemos por tal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios