domingo, 25 de noviembre de 2012

O calendario exipcio

Inicialmente tratouse dun calendario agrícola que dividía o ano en 3 estacións de 4 meses cada unha: Akhet (inundación), Peret (crecemento das plantas) e Shemu (recolección). Cada mes tiña 30 días e o ano 360.
O primeiro día do ano coincidía co primeiro día do mes da inundación. Esta data determinouse observando a crecida anual do Nilo, polo que ese día variaba de un ano a outro. Pero axiña vincularon este fenómeno con outro astronómico: a aparición no horizonte antes do abrente da estrela Sepedet (Sothis en grego, tamén Sirio), o que se coñece como orto helíaco de Sothis. Este fenómeno, á altura de Menfis, prodúcese cada 14 de xuño, coincidindo aproximadamente coas primeiras crecidas do Nilo. Dende esta constatación, o ano oficial comezaba o día do orto helíaco de Sothis e, tras observar que se produce cada 365 días, estableceuse esta cifra como medida do ano.
Sen embargo, parece ser que non observaron o orto helíaco de Sothis todos os anos, de maneira que pasaba moito tempo sen faceren as debidas correccións. Posto que o ano solar dura 365 días e 6 horas, a acumulación destas horas ao longo do tempo (o que nós corriximos nos anos bisiestos co 29 de febreiro) producía un desfase que en 120 anos se traducía nun mes enteiro. Debían pasar 1460 anos ata que o ano astronómico volvese coincidir co primeiro día da estación da inundación. Coñécese este lapso temporal como "período sothíaco".
Censorinus (escritor romano do s. III d.C.) informa de que o orto helíaco de Sothis máis o primeiro día do ano oficial coincidiron no ano 139 d.C., calculándose que o mesmo tería acontecido en 1317 e 2773 a.C. Por tanto, a adopción do calendario astronómico exipcio só puido ter acontecido nunha destas datas. Posto que 1317 a.C. é unha data posterior ao rexistro exipcio dalgunhas aparicións do Sothis, dedúcese que ese calendario debeu terse incorporado en 2773 a.C. (durante o reinado de Zoser/Djeser, da III Dinastía).


Debido ao rexistro por parte dos escribas da aparición de Sothis durante o reinado dalgúns faraóns, pódense establecer algunhas datas absolutas. Por exemplo, o sétimo ano do reinado de Sesostris III (nos papiros de Illahun ou Kahun) cae en 1877 a.C.; o noveno ano de Amenofis I (Papiro Ebers) en 1545 e o reino de Tutmosis III inclúe o ano 1469 (Estela de Elefantina). A partir destas datas de referencia,


Papiro Ebers
combinando as fontes literarias e arqueolóxicas, é como os historiadores establecen as súas cronoloxías do Antigo Exipto. Con todo, segue habendo moitas lagoas e tamén discrepancias sobre este tema entre os especialistas (1).


(1) A consideración do ciclo sothíaco como medida para establecer a cronoloxía exipcia, tamén hoxe en discusión, débese a Eduard Meyer , quen defendeu en 1904 que o novo calendario se tería introducido en 4233 (1460 anos antes do reinado de Zoser). Pero esta data, que se remonta ao Neolítico, considérase hoxe demasiado recuada no tempo.

Bibliografía
Lévêque, P. 1991. Las primeras civilizaciones. T. I. De los despotismos orientales a la ciudad griega. Akal (p.65-66)
Lull, J. 2005 La astronomía en el antiguo Egipto. Valencia (pp. 65-83: en liña: http://www.institutoestudiosantiguoegipto.com/calendario.htm)
Vázquez Hoys, A. “El calendario egipcio

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Comentarios