viernes, 8 de marzo de 2013

Tema 2. A Creta minoica e o sistema palacial (1)


Síntese parcial do tema 2 do manual de Zarzalejos, M., Guiral, C. e San Nicolás, MªP. 2010. Historia de la cultura material del Mundo Clásico. Uned.

 Contidos teóricos
1. O progreso da complexidade social a comezos da Idade do Bronce e o xurdimento dos primeiros palacios.
2. O sistema palacial e o seu reflexo na arquitectura e o urbanismo.

1. O progreso da complexidade social a comezos da Idade do Bronce e o xurdimento dos primeiros palacios.

  • Primeiros asentamentos permanentes en Creta no Neolítico (7000 a.C.).
  • O máis antigo do Exeo coñecido sitúase baixo o palacio de Knossos.
  • Poboación probablemente procedente de Anatolia, onde se encontra o mesmo tipo de gran.
  • Ao final do Neolítico (4300-3800), en Knossos e Phaistos, aparecen aldeas con casas rectangulares de adobe e madeira, con pisos de terra batida e lareiras ou fogares fixos.

Idade do Bronce. Periodizacións (segundo diferentes criterios)



MINOICO ANTIGO (3100-2000 a.C.)

É característico dos inicios desta primeira fase (3100-2700, MA-I):
  • A introdución da metalurxia do bronce, que segue convivindo coa pedra e sobre todo a obsidiana de Melos.
  • Comézanse a fabricar cerámicas pintadas, xa nunca abandonadas polos minoicos.
  • Aparecen as tumbas tipo tholos na chaira de Mesara. Trátase de enterramentos colectivos que, ao teren sido empregadas simultaneamente nun mesmo lugar, teñen suscitado diferentes interpretacións: enterramentos de clans, grupos tribais...? Datos máis recentes apuntan a simples familia nucleares. 
  • Forman parte dos enterramentos ricos enxovais de obxectos metálicos, xoias e cerámica fina, o que apunta á existencia dunha elite socio-económica, quizais política xa nos tempos máis antigos.

Na seguinte fase  (2700-2200 a.C., MA-II) prodúcese:
  • un importante desenvolvemento da agricultura (introdución de vide y oliveira) 
  • notables adiantos na tecnoloxía do bronce e o artesanado en xeral, o que favorece a especialización económica (i.e.: a dedicación exclusiva aos diferentes oficios), aínda que a maioría seguía dependendo da terra.
  • S.W. Manning sostén que neste momento Knossos xa se destaca como un lugar especial, destinado a centro cerimonial.
  • os enterramentos presentan unha maior variedade rexional. Mentres que en Mesara e sur da illa se continúan os enterramentos en tholoi, no norte introdúcense as tumbas-casa (zonas de Gournia e Mochlos), así denominadas porque simulan casas, fanse tamén con pedra, madeira e adobe, e presentan unha ou varias habitacións con inhumacións en pithoi e/ou larnakes (sobre o mundo funerario cretense, ver aquí)

Lugares citados no texto
Knossos delata a existencia xa neste momento dun punto focal para a celebración de cerimonias e a existencia dunha elite social emerxente. A función cerimonial infírese do achado de numerosos restos do consumo colectivo de comida e bebida, é dicir, de banquetes comunitarios. Para este fin empregaríase un espazo concreto, un lugar aberto ou patio, que nos atopamos non só en Knossos senón tamén en Mallia durante esta fase. En xeral prodúcese un forte incremento dos obxectos de prestixio nas mans dos grupos dominantes, como deixan observar os enxovais funerarios, especialmente.

A fase final do Minoico Antigo (2200-2000 a.C., MA-III):
  • coincide cun horizonte de destrucións e abandonos que se observan no continente grego, as Cícladas e Anatolia.  En Creta este ambiente maniféstase no abandono dalgúns cemiterios na zona oriental.
    Dende o punto de vista do poboamento, vese unha tendencia á nuclearización arredor dalgúns centros importantes, especialmente no centro da illa. 
  • Entre estes, os lugares de funcionalidade ritual de etapas anteriores (v.g. Knossos, Mallia) consolídanse agora como centros ideolóxicos reitores dos seus respectivos territorios.
En Knossos, Manning atribúe a este momento a construción dun muro aterrazado que puido formar parte dun edificio maior que complementaría o patio do período anterior e estaría en uso ata o período seguinte (Minoico Medio), cando xa se constrúen os primeiros palacios. Isto suporía que algúns elementos significativos dos palacios se terían construído xa durante o Minoico Antigo.

MINOICO MEDIO (2000-1700 a.C.)
A formación dos palacios e as hipóteses interpretativas.

Durante o Minoico Medio na fase inicial (2000-1800) os cretenses mantiveron contactos directos co Mediterráneo Oriental (Exipto, Próximo Oriente, Anatolia). Prodúcese paralelamente unha forte competencia polo control de rexións e recursos, do que deriva a formación das primeiras entidades protoestatais, fortemente xeraquizadas. O novo estado de cousas defínese polos seguintes elementos:
Selos con xeroglíficos cretenses
  • aparición da escritura xeroglífica cretense
  • competencia polo uso de selos de maior tamaño e novos materiais (marfil importado).
  • desenvolvemento urbano nos antigos centros ideolóxicos rexionais (Knossos, Mallia, Phaistos).
Hipóteses interpretativas sobre a aparición dos palacios.
  1. Proceso endóxeno resultado dunha progresiva complexización social. O palacio como evolución dos patios cerimoniais do período anterior (rituais de comensalidade). Consolidación dos grupos que mantiñan o control destas prácticas como grupos dominantes no social e no político (cf. S.W. Manning).
  2. Converxencia de factores internos e externos: complexización social favorecida polo incremento dos contactos co exterior, dando como resultado un modelo exclusivo (o palacio como centro multifuncional, político, relixioso, económico e administrativo; cf. M.A. Fitton) 

2. O sistema palacial e o seu reflexo na arquitectura e o urbanismo. Os Primeiros Palacios. Técnicas arquitectónicas.

  1. Os Primeiros Palacios. Técnicas arquitectónicas.
  2. As cidades dos Primeiros Palacios.
  3. Os Segundos Palacios. Ensaios de planificación global.
  4. As cidades dos Segundos Palacios. 
1. Os primeiros palacios. Técnicas arquitectónicas
O primeiro palacio de Knossos construíuse sobre a nivelación de numerosas construcións superpostas durante longo tempo. Este palacio controlaría a zona centro-setentrional, mentres que o resto da illa estaría baixo a dirección dos demais palacios contemporáneos coñecidos: Mallia (zona centro-oriental), Zakros (extremo oriental) e Phaistos (centro-sur) -a zona occidental non é suficientemente coñecida.
Todos estes palacios foron obxecto de destrucións e os seus restos tapados pola construción dos palacios posteriores. Pero ademais existían outros pequenos centros territoriais, con edificios de características palaciais, onde se centralizaba o almacenamento e se administraba o contorno baixo o seu control  (p.e.: Petra, na badía de Siteia), o que permite deducir que os "centros maiores" dispoñerían doutros centros secundarios, subordinados.

Phaistos
Phaistos. O Primeiro Palacio en trazo groso
O Segundo Palacio non arrasou todo o Primeiro porque aquel se construíu nun nivel sobreelevado, de maneira que do palacio máis antigo consérvase: 
  • a fachada monumental e o patio occidental
  • parte importante da ala oeste
  • certas estancias de carácter relixioso.
 Knossos 

O primeiro palacio construíuse arredor dun patio central (orientación N-S), e logo engadiuse un grande patio occidental.

Nestes patios occidentais de Phaistos e Knossos documentáronse tres grandes foxas ou estruturas cilíndricas-kouloures-feitas de cascallo (no orixinal, "fábrica de ripio") revestida con impermeabilizante.
Aínda que inicialmente se interpretaran como celeiros (para almacenar gran), algúns autores defenden agora que podería tratarse dunha especie de alxibe ou cisterna de auga.
No primeiro palacio de Knossos as zonas rituais ou cerimoniais deberon situarse na cara O do patio central; a cara E desapareceu tras a reforma posterior para a construción do "Barrio Residencial".
Con todo, é posible que os restos de bases de columnas nesta zona sexan vestixio dunha sala de columnas na zona que logo se convertería na "grande escaleira", a "sala dos Dobres Machados" (= "Dobles Hachas") e dependencias anexas -ver plano de Knossos.
Kouloures de Knossos
Interior, Knossos
Kouloures de Phaistos



Plano Knossos

As características técnicas da arquitectura palacial.

Requírese non só o traballo de especialistas, senón tamén grande cantidade de man de obra. Tecnicamente, sen embargo, trátase dunha arquitectura caracterizada pola economía de esforzos, de aí que os alicerces non sexan moi potentes ou que a cachotería coidada só se aplique nas zonas visibles dos edificios. O normal é empregar bloques irregulares só retocados nos bordes para encaixalos uns noutros. 
Paramentos de cachotería. Knossos

Os muros adoitaban ser de dobre cara de cachotería con recheo interno, ou ben unha soa cara apoiada sobre un recheo de escombros. 

A técnica edilicia en función da zona do edificio:
  • No nivel do chan, as plantas realízanse con cachotes unidos con morteiro, reforzando os paramentos con vigas verticais, horizontais ou transversais, para darlle maior resistencia.
  • Nos pisos altos alixeirábase o peso dos paramentos empregando tixolo no canto de pedra, reforzándoos tamén con vigas.

Casas de Akrotiri
Primeira planta dunha casa de
Akrotiri (afectada por un seísmo)


Recursos decorativos 
  • emprégase pedra ou madeira nos remates, como no rodapé das paredes.
  • o xeso é o material decorativo por excelencia. Inicialmente pintábase dunha soa cor, logo con motivos xeométricos e, finalmente, coas figuracións máis características dos Segundos Palacios.

2.2. As cidades dos Primeiros Palacios.
O asentamento de Knossos estendeuse arredor do palacio (puido acadar xa preto dos 12000 habitantes, cifra próxima á do seguinte período).

Mallia, levantada nunha chaira costeira próxima ao mar, protexeuse cunha muralla ao E do palacio (caso exclusivo de fortificación coñecido na cultura minoica). Unha rede urbana de rueiros partían do palacio cara ao mar. 
 No “Barrio Mu”, fóra do palacio, a arqueoloxía constata restos de actividades tipicamente pacegas (2 grandes construcións que contiñan: arquivo con taboíñas e taller para elaboración de selos). Tamén se escavaron 4 casas que mostraron restos nas plantas baixas de traballos artesanais: en cristal –selos-, vasillas de cerámica, obxectos de bronce e vasos de pedra, respectivamente. As plantas destas casas servirían como residencias.
Asentamento de Mallia. Barrio Mu ao oeste do palacio
Edificio do Barrio Mu

Casas do Barrio Mu
Outras estruturas contiguas ao palacio quizais tiveron funcións públicas, propias dun “centro político”. Así se interpreta un edificio semisubterráneo, coñecido como “cripta hipóstila”, anexo a un espazo aberto, a uns 30 m da entrada N do palacio, ao que chaman “ágora”. Este espazo rectangular de 30 x 40 rodeábase dun muro con grandes ortostatos de pedra branca. Pénsase se estaba destinado ás asembleas do pobo, se tería unha función ritual ou deportiva, ou ambas. A conexión entre a ágora e a cripta fai pensar que esta puido ser a sé da cámara do Consello.


Cripta hipóstila de Mallia
Posibles espazos públicos de Mallia anexos ao palacio

 2.3 Os Segundos Palacios. Ensaios de planificación global.
A finais do Minoico Medio II (1700) os primeiros palacios padeceron un colapso xeneralizado, posiblemente debido a un forte terremoto que tería afectado simultaneamente a todos os centros. O novo período, coñecido como Neopalacial ou dos Segundos Palacios, é o máis representativo da cultura minoica.
Os novos palacios son en xeral de dimensións moi superiores aos anteriores, semellando pequenas cidades. Compóñense dun conxunto de patios, estancias e estreitos corredores, que presentan algunha influencia dos palacios do Próximo Oriente, aínda que no aspecto final se consideren estrita creación local.
Contexto xeral
  • prodúcese unha forte centralización política arredor dos 4 coñecidos centros palaciais da época anterior
  • ao mesmo tempo xorden unha serie de palacios menores, ricas mansións urbanas e grandes "villas" rurais, que funcionan como centros administrativos secundarios dependentes do palacio, que segue sendo o "corazón do sistema".
Características arquitectónicas
  • continuamos cunha arquitectura arquitrabada, con combinación de liñas horizontais e verticais 
  • emprégase profusamente o piar e a columna. Esta presentaba un fuste engrosado na parte superior e podía estar decorado con estrías verticais ou en espiral. A xulgar polas representacións pictóricas, ou ben se construían con pedras de diferentes cores ou ben se pintaban.
Frescos de Knossos con columnas
Plano modelo dos Segundos Palacios. Compoñentes
Todos os palacios comparten unha estrutura común a grandes trazos. Os espazos organízanse arredor dun patio central, entorno ao cal se desenvolven dous sectores funcionalmente diferenciados. Por unha parte unha ala occidental, onde se concentran en xeral os espazos rituais e/ou cerimoniais e os almacéns; e, por outra parte, unha ala oriental con predominio de espazos, por así dicir, “máis seculares": obradoiros, tendas, área residencial..., aínda que non se descartan lugares de función cultual.

Patio central: rectangular, con orientación N-S, rodeado de columnas. Parece un lugar destinado á celebración de ritos ou cerimonias. Así o suxire o fresco da Grande Tribuna de Knossos, que parece representar a fachada O do patio central mentres se celebra un espectáculo.
Fresco da Grande Tribuna de Knossos
Patio central de Mallia



Patio central de Zakros
Patio central de Phaistos

Vista aérea do patio O de Knossos

Patio occidental: grande espazo pavimentado, diante da fachada O (repítese en Mallia, Phaistos e Knossos). Interprétase como lugar de reunión da asemblea popular.
Patio Oeste de Knossos

Propileos da entrada O de Phaitos
Patio O de Phaistos
1

Fachada Oeste: trazo distintivo da arquitectura palacial minoica. Ábrese ao patio occidental e adoita aliñar santuarios e habitacións nobres nunha fachada monumental con recuamentos (no orixinal, "retranqueos"). 

Entrada O de Phaistos

Reconstrución Fachada O de Knossos











Almacéns: grandes espazos con series de grandes vasillas (pithoi) para almacenar produtos (na ala oeste do edificio).






Conxuntos residenciais: determinadas estancias parecen residencias (non coincide a localización nos distintos palacios). En Knossos o conxunto máis coñecido localízase na área SE do palacio, ao pé da Grande Escaleira, mentres que en Phaistos e Mallia están na zona NO.
Sistema de evacuación, Knossos
Identifican estas estancias unha serie de elementos que se repiten: as salas “do rei” e “da raíña”, a piscina lustral aberta ás consideradas habitacións privadas, aseos e retretes (asentos feitos sobre condutos de evacuación). Algúns autores interpretan estas estancias, non como apousentos da familia real, senón como conxuntos cerimoniais, como suxire a súa magnificencia.
Aspecto dun "pozo de luz"
Nestas zonas acumúlanse unha serie de trazos arquitectónicos tamén característicos: o “polythyron” (cuarto con múltiples portas en 3 dos seus lados, o que podía servir ben para ventilar as estancias do arredor, ben para regular o acceso a determinadas cerimonias; e o “pozo de luz”: apertura no teito para deixar pasar a luz e o aire fresco no interior do edificio.



Sala da raíña de Phaistos (con pozo de luz)
Sala do rei de Phaistos


Reconstrución de polythyron, Knossos

Restos de polythyron de Mallia

Sala de banquetes: sala con 8 ou máis piares ou columnas localizada na segunda planta no lado N do patio central. 
Zona de recepción: Conxunto de estancias tamén na segunda planta da ala oeste. Profusamente decoradas con pinturas murais.

Sala de banquetes de Mallia
Sala do trono de Knossos


Estancias cultuais do lado O do patio central. Mallia e Knossos contan cunha cripta con piares nun soto situado ao oeste do patio central. Como nalgunhas grandes casas, un piar presentaba signos incisos, como un tridente, unha estrela ou o dobre machado (alusións á divindade?). Tamén en Knossos outras dependencias localizadas ao O do patio central puideron ter funcións cultuais, como acontece en Phaistos.

Sala dos dobres machados, "sala do rei" de Knossos (ala E)

A función dos palacios

Hipótese tradicional: centros de poder civil e relixioso, encargados de almacenar o excedente agrícola do contorno sometido ao seu control.

Efectivamente parece que se almacenaba a colleita anual (cereal, vide, oliveira). Logo administrábase para o consumo no palacio, as tendas e a distribución a lugares máis afastados.

Do palacio dependían tamén os obradoiros de artesáns especializados (en produtos téxtiles, ourives, broncistas, obxectos de marfil ou pedras semipreciosas, etc.) O palacio absorbería a súa produción, aínda que tamén puideron destinar produtos ao comercio

Discútese se o palacio é unha zona preferentemente relixiosa ou residencial. Isto relaciónase coa indefinición da autoridade no mundo minoico, onde non se sabe se estaba representada por unha figura monárquica que residiría no palacio (e daquela a denominación de "palacio" estaría totalmente xustificada) ou por un sumo sacerdote, o que convertería estas construcións nun grande templo. Máis ben cabe pensar nunha combinación de ambos tipos de dependencias.
Cornos da consagración

Había un rei, un sacerdote, ambos…? Na denominada zona residencial xa se dixo que non está claro que se trate de dependencias privadas residenciais dun monarca e a súa familia. A figura mítica de Minos acae ben a unha Creta tradicionalmente gobernada por reis, pero tampouco non é unha proba definitiva. Tamén podería existir unha aristocracia, compartida por homes e mulleres, pero tampouco non se sabería afondar máis nesta hipótese, dada a falta de datos.

O que está claro neste momento é a complexización burocrática do sistema, segundo se deduce dos arquivos do palacio e das súas numerosas taboíñas en Lineal A (máis eficaz para a administración do que fora o xeroglífico cretense na era dos primeiros palacios).

Reconstrución de Knosos (véxanse as "masas rectangulares)
En definitiva, vemos ben nas planimetrías como todo o espazo se organiza en torno a un patio central no que posiblemente se producían reunións públicas de carácter cerimonial (como o “salto do touro”) ou de calquera outra índole. Podía haber múltiples entradas ao Palacio, moitas das cales conducían a este patio a través de longos corredores.  Outro trazo característico é a súa ordenación a base dunha serie de masas rectangulares achanzadas de diferentes tamaños, ao que contribúe a construción a diferentes niveis, interrompidos de modo irregular por espazos descubertos, como patios e pozos de luz.

2.4. As cidades dos segundos palacios

Un tipo de poboamento característico desta época son as vilas ou facendas rústicas (casas de campo). Trátase de construcións de grande tamaño con influxo do modelo palacial. Teñen a función de almacenar produtos agrícolas e outras materias primas, así como algunhas tarefas administrativas, incluíndo espazos para o culto.

Algúns autores considéranas centros de segunda orde dentro da xerarquía do poboamento, mentres que outros pensan que son unha especie de delegacións dos palacios (especialmente do de Knossos) administradas por funcionarios.



Plano de Villa Real
Villa Real
Knossos insírese nun asentamento urbano cun vasto sistema de rúas dirixidas cara ao campo e ao porto de mar. Entre elas, xorden edificios de grande tamaño como a Vila Real de Knossos. Trátase dun edificio provisto dunha sala principal con balaustrada e columnas contigua a unha área estreita na que apareceu un asento cerimonial. Nunha cripta anexa, un piar central rodeábase de cubetas cadradas escavadas no chan onde converxían unha serie de canles. Posiblemente se destinarían a libacións.


Gournia

Esta pequena cidade situada ao leste da illa é a que máis información proporciona sobre o urbanismo. Ten un plano desordenado e apiñado, con construcións adaptadas á topografía e servizo de alcantarillado. No centro ergueuse a “Casa do Gobernador”, que algúns consideran un palacio, aínda que é moito máis pequeno. Aínda así, presenta estancias moi coidadas, almacéns, áreas de culto e ata unha fachada occidental.


Vista aérea de Gournia

Reconstrución palacio de Gournia

Webgrafía de interese:

Minoan Crete. En Foundation of the Hellenic World. (Galería de fotos)
The Palace of Knossos. En Odyssey. Adventures in Archaeology.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Comentarios