IVº, IIIº e IIº milenios
Milenios IV a IIº a.C. (pincha para ampliar) |
COMENTARIO
A Historia propiamente dita xorde no Próximo Oriente e
Exipto a finais do IVº milenio, tras a aparición da escritura nos dous ámbitos,
de xeito independente pero con poucos anos de diferenza.
O milenio IIIº aparece dominado en Mesopotamia pola cultura sumeria,
á que sucede o Imperio semita de Akad e logo –tras un breve período de dominio
Guti- o Renacemento Sumerio (especialmente representado por Ur III), xa
dacabalo entre o IIIº e IIº milenios.
Paralelamente, sucédense en Exipto o Dinástico Arcaico, o Reino
Antigo e o Primeiro Período Intermedio, cando cae en decadencia o poder
faraónico e o país se ve fragmentado politicamente en numerosos e pequenos
dominios provinciais.
O ano 2000 marca un límite cronolóxico a partir do cal o
panorama político internacional cambia radicalmente. É arredor desa data cando
se producen importantes movementos de poboacións que, logo dunha lenta e
progresiva penetración entre Anatolia e Mesopotamia, acabarán instalándose
neses territorios e exercendo a hexemonía sobre moitos deles. É o caso dos
indoeuropeos hititas, que lles disputarán aos comerciantes asirios e aos
autóctonos hatti o dominio sobre Anatolia; ou os amorritas procedentes do
deserto sirio que, penetrando polo alto Éufrates, acabarán instalándose en
Babilonia e creando un imperio entorno á vella cidade sumeria. Aproveitando tamén
a perda de control sumero-acadio sobre o territorio de Subartu, os semitas
herdeiros dos acadios alí asentados, unificáronse e crearon arredor da cidade
de Asur un primeiro reino de breve duración, o primeiro Imperio Asirio.
En Hanigalbat (na Alta Mesopotamia), onde dende o IIIº
milenio xa se coñecía un reino hurrita, novos continxentes hurritas procedentes
do sur do Caucaso (lago Van) van introducirse na Alta Mesopotamia posiblemente
mesturados con elementos indoeuropeos de orixe indoaria (detectados en nomes de
reis e nos teónimos Mitra e Varuna), para conformar o reino de Mitani. Como é
habitual, estes movementos coinciden con outros desprazamentos de pobos que
volven producirse de xeito masivo en torno ao ano 1600 e que novamente provocan
no mapa político próximo-oriental grandes trastornos e profundos cambios no
xogo das hexemonías imperantes. É daquela cando os Casitas procedentes dos
Zagros, aproveitando a debilidade babilónica tras a morte de Hammurabi e a
destrución da cidade provocada polo hitita Mursil I, instauran a III Dinastía
de Babilonia, ou Dinastía Casita.
[...]
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios