Os relatos sobre Gilgamesh son diversos e proceden de moi diferentes momentos históricos. Poden establecerse varias etapas:
1ª etapa: as baladas sumerias que teñen como protagonista ao rei de Uruk remontan ao século XXI (renacemento sumerio). Trátase de poemas narrativos independentes nos que o heroe recibe o nome de Bilgames.
Actualmente coñécense 5 baladas:
- 1. Bilgames e Agga de Kish
- 2. Bilgames e Huwawa
- 3. Bilgames, Enkidu e o Touro do Ceo
- 4. Bilgames, Enkidu e o submundo infernal
- 5. A morte de Bilgames
-
2ª etapa: en torno ao século XVIII (época paleobabilónica)
escribíronse varias taboíñas, compostas agora
en lingua acadia. Non compoñen un texto unitario, senón series de episodios. A
pesar diso, reciben a denominación de versión babilónica antiga.
-
3ª etapa: durante os séculos XV-XII a.C. (etapa
babilónica media, en tempos da Dinastía Casita), compuxéronse e copiáronse
textos sobre Gilgamesh tanto en Babilonia (por exemplo en Nippur e Ur) como
fóra de Mesopotamia (en Hattusas, a capital Hitita; en Megido, Palestina, ou en
Ugarit, Siria).
-
4ª etapa: entre os séculos XIII-XII a.C.,
establécese a Epopea Babilónica Clásica ou estándar (tamén da etapa babilónica
media). É obra dun único autor, de quen se conserva o nome, quen a escribiu
sobre 12 taboíñas. Recibiu o título de «O que viu o máis fondo». Non se
conserva o texto orixinal, senón copias posteriores procedentes de diferentes
bibliotecas, arquivos ou escolas, a máis coñecida das cales é a Biblioteca de
Nínive, a capital asiria daquel momento.
-
5ª etapa: desta biblioteca asiria, fundada por
Asurbanipal (668-627), procede tamén o que se coñece como Recensión Ninivita (séculos VIII-VII a.C.). En Nínive fixéronse moitas copias da versión clásica, pero
tamén se custodiaron nela copias procedentes doutros lugares, e algunhas
posiblemente máis antigas (século VIII a.C.). A recensión ninivita, aínda que
recolle a versión clásica, non consta de 11 senón de 12 taboíñas, onde a
taboíña 12 inclúe engadidos posteriores. Neste sentido, considérase algo así
como unha «edición corrixida e aumentada».
Bibliografía:
Sanmartín, J. (trad. e ed.). 2010.
Epopeya de Gilgames, rey de Uruk. Pliegos de Oriente. Trotta
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios