
As cidades gregas de Asia Menor mantiveron constantes conflitos co reino de Lidia durante o s. VII, a quen pagaban tributo. E así foi ata que a súa capital, Sardes, gobernada por Creso, caeu baixo o poder do rei persa Ciro II en 546 a.C.

A expansión imperial non tardou en afectar a todas as cidades gregas de Asia Menor. Poleis xonias, como Focea e Teos, reaccionaron enviando masivamente colonos a ultramar, pero todas elas entraron a formar parte da organización satrápica persa. Nalgunhas, incluso, o Imperio Aqueménida favoreceu o establecemento dos antigos dirixentes como tiranos nas súas propias cidades.
Curiosamente, a Xonia coñeceu durante os anos da dependencia persa (segunda metade s. VI a.C.) o seu maior esplendor cultural coa construción de grandes templos e a emerxencia das escolas filosóficas presocráticas máis influentes do momento.
Xa baixo o goberno de Darío I, os aqueménidas tomaron tamén Samos e expandíronse por Tracia e Macedonia (ca. 513 a.C.), instalando guarnicións en todas as cidades costeiras, onde cobraban tributos e recrutaban homes e naves para os seus exércitos.
![]() |
Friso dos arqueiros de Susa, palacio de Darío I |
A anfictionía –confederación cultual- da que formaban parte todas as cidades xonias unidas en torno ao santuario da illa de Delos deu paso, daquela, a unha coalición política provista dos seus propios organismos, como un Consello común e a súa propia moeda.
A rebelión estendeuse dende os estreitos do Helesponto (Bósforo e Dardanelos) ata Chipre, lugares polos que precisamente os persas comezaron a súa reconquista. Os xonios foron finalmente derrotados, Mileto tomada en 494 e a súa poboación deportada masivamente a Mesopotamia.
Mentres tanto, na Grecia continental víase con receo a presenza persa nas costas setentrionais do Exeo, temendo o seu avance e o modelo tiránico que os persas gustaban de establecer nos territorios ocupados. Foi neste contexto, de forte desfragmentación política grega, no que salientaron personalidades radicalmente anti-persas como os atenienses Milcíades e Temístocles, grandes protagonistas das Guerras Médicas.
Desenvolvemento da contenda
No ano 490 a.C. os persas partiron de Cilicia (S de Anatolia) cos seus exércitos cara ao Exeo para facérense con máis cidades vasalas. O ex-tirano de Atenas, Hipias, acompañou ás tropas persas e aconsellou a indefensa chaira de Maratón para desembarcar na Ática. A asemblea ateniense foi persuadida por Milcíades de que debían atacar ao inimigo e, sen esperar a prometida axuda de Esparta, dirixiu as súas tropas a Maratón, onde conseguiron a súa primeira vitoria contra o Persa coa escasa axuda dos plateos, que achegaron apenas un millar de hoplitas. Inaugurábase así a Primeira Guerra Médica.

Só unha década máis tarde, en 480 a.C., o propio Rei persa, Xerxes, reemprendeu as hostilidades contra Grecia. Comezou a invasión dende os estreitos do Helesponto, mediante unha ponte de barcas. Dende aquí, ou pola forza ou coa axuda da propaganda, pretendía someter ás divididas poleis gregas. Algunha destas (só 30) asinaron unha alianza militar en Corinto, onde prevalecían en número os espartanos e os seus aliados peloponesios e, en recursos económicos, os atenienses. Foi Temístocles o encargado de convencer á asemblea ateniense de desviar os importantes ingresos procedentes da explotación das minas de prata de Laurio/Laurión para a construción dunha potente frota de 200 naves, a mellor inversión de futuro feita por Atenas, como se vería no decurso das Guerras Médicas e aínda con posterioridade.

O primeiro encontro dos exércitos persas e gregos nesta Segunda Guerra Médica contra Xerxes tivo lugar no desfiladeiro das Termópilas, acceso á Grecia central dende o norte por vía terrestre. As tropas gregas, baixo o mando dos espartanos, pretenderon pechar o paso ao exército inimigo. Ao mesmo tempo situaron a frota á entrada do estreito do Euripo (entre Beocia e a illa de Eubea) para atrancar o avance da frota persa. O rei espartano Leónidas e os seus 300 non puideron evitar a vitoria dos persas, que atravesaron as Termópilas. Tras esta derrota, mentres Xerxes no seu avance conseguía adhesións entre beocios, tesalios, locrios e dorios, a frota grega repregouse cara a badía de Salamina. A esta illa acudiron os atenienses con todas as súas pertenzas en busca de refuxio mentres deixaban Atenas baleira e libre á rapina dos persas, que acabaron destruíndoa.

Pero a derrota non foi definitiva. Os persas conservaban un poderoso exército en terra ao mando do xeneral Mardonio, quen intentou pactar cos atenienses, o que precipitou os acontecementos. Decidiuse daquela presentar batalla na chaira de Platea, ao norte da Ática, onde chegou a concentrarse o maior continxente de soldados gregos da historia ata aquel momento, uns 50.000 hoplitas. Baixo o mando do xeneral espartano Pausanias, os gregos repetiron vitoria contra o poderoso rei persa.
![]() |
Mapa das Guerras Médicas |
![]() |
Trieme/trirreme ateniense |
Causas da vitoria grega
As causas da vitoria parecen ter radicado tanto nos erros estratéxicos dos xenerais persas como no menosprezo dun inimigo certamente dividido e considerado moi inferior, pero que sorprendeu cos seus impoñentes recursos navais. A estes factores habería que engadir a loita dos persas contra os elementos, que viron considerablemente reducida a súa frota polas tempestades que os azoutou en dúas ocasións fronte ás costas gregas. O ideal heroico tradicional da clase guerreira grega, agora estendida a hoplitas e remeiros de navíos, mobilizado a prol da defensa da patria, tería tamén exercido grande impacto sobre a moral dos combatentes, vistos a si mesmos como homes libres unidos para a defensa contra un tirano apoiado nun exército de escravos.
Consecuencias
Dende o final da Segunda Guerra Médica en 479 a.C. ata o comezo da Guerra do Peloponeso (430 a.C.), comeza o período de 50 anos (Pentecontecía) no que Atenas aproveita o seu poderío naval e explota ideoloxicamente o seu prestixio para emprender a súa propia aventura imperialista na órbita de todo o Exeo.
Neste período habían de producirse outros choques co Imperio Persa, destacando a defección de Temístocles, tras padecer o ostracismo de Atenas, e a súa alianza co novo rei Artaxerxes para emprender de novo a contenda contra os gregos. Os acontecementos desenvolvéronse en Asia Menor e, tras a definitiva vitoria grega, impúxose a paz coa sinatura por ambas as partes da coñecida como Paz de Calias, do nome do político ateniense que pactou a fin das hostilidades no ano 448 a.C.
Síntese elaborada a partir do libro de F.J. Gómez Espelosín. 2011. Historia de Grecia en la Antigüedad. Akal (cap. 12)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios