lunes, 12 de mayo de 2014

Tema 13. Cidade e campo na Roma Antiga

Esquema do tema 13 do manual de Zarzalejos, M., Guiral, C. e San Nicolás, Mª P. 2010. Historia de la cultura material del Mundo Clásico. Uned. 

Esquema

2. A cidade romana:
    2.1. A elección do emprazamento e o ritual de fundación.
    2.2. Breves notas sobre a configuración da Urbs e a súa evolución no tempo:
        2.2.1. Fontes para o estudo da topografía da Roma Antiga.
3. A paisaxe rural no mundo romano:
        3.1. A ordenación do espazo rural. Repartos de terra e centuriacións
        3.2. O poboamento rural:
            3.2.1. Entidades rurais colectivas de carácter agrupado
            3.2.2. Entidades rurais individuais de carácter disperso

2. A Cidade Romana

2.1. A elección do emprazamento e o ritual de fundación.

Plano de Lucus Augusti, antigo campamento romano
(trazados de época altoimperial e muralla do s. III d.C.)
Neste aspecto, a cidade romana e etrusca gardan importantes paralelismos. Hai dous tipos de cidades:
- As que reutilizan lugares previamente habitados.
- As fundacións ex novo: aquí considéranse as condicións estratéxicas (defensa do territorio, continuidade respecto dos campamentos...) e económicas (proximidade ou confluencia de vías de comunicación)

Ritual fundacional

de tradición etrusca e influencia da urbanística grega:


  • Toma dos auguria (aprobación dos deuses).
  • Inauguratio: cávase un pozo circular (mundus) no punto central, onde se depositaban ofrendas e a terra do lugar de orixe dos fundadores.
    Augur con lituus -bastón-
    procedente de Gabii
  • Delimitación do pomerium: trázase un foxo (sulcus primigenius) cunha rella de arado de bronce tirado por unha xugada de bois brancos. Máis tarde sobre el constrúese a muralla.
  • Limitatio: un agrimensor situaba a groma no umbilicus urbis -"embigo da cidade"-ou locus gromae -"lugar da groma"-, punto central a partir do cal se aliñarán os eixes da cidade orientados aos puntos cardinais: o decumanus maximus (E-O) e kardo maximus (N-S). A cidade quedaba así dividida en 4 rexións (siniestra, dextra, antica e postica), segundo o modelo de construción do templum, imaxe do cosmos, segundo a disciplina etrusca. A muralla abría portas en cada un dos extremos dos eixes principais.
  • Orientatio: o foro sitúase na intersección do kardo e o decumanus. Lugar destinado á vida pública (edificios relixiosos, administrativos, mercado e lugar de lecer). Paralelos aos eixes máximos, trázanse kardines e decumani, cuxas interseccións formaban as insulae ou mazáns, con edificios privados e tamén públicos (termas, ximnasio, etc.).
  • Consecratio: consistía no sacrificio do Pontífice á tríade Capitolina (formada polos deuses Xúpiter, Xuno e Minerva).
    A división da esfera celeste segundo a doutrina etrusca
    -ver debuxo- reproducíase na construción da cidade

  • Hipótese sobre a localización no Palatino da Roma Quadrata, a fundación de Rómulo segundo o rito etrusco.
    Retícula da Ampurias Romana. O foro no centro.


    2.2.1. Fontes para o estudo da topografía da Roma antiga

    Basílica Emilia do Foro romano.
    Denario de M.Emilio Lépido, 65 a.C.
    Fontes escritas: a trama interna de Roma é parcialmente descrita por Varrón (s. II-I a.C.) ou Frontino (De Aquaeductu Urbis Romae, ca. 98 a.C.). Os Catálogos Rexionais dos tempos de Diocleciano conteñen listados de monumentos en cada unha das 14 rexións augusteas. Hai tamén itinerarios de peregrinos dos ss. VII e XII que poden ser útiles.

    Fontes figuradas
    •  Moedas
    •  Relevos arquitectónicos
    •  Arcos conmemorativos
    •  Monumentos funerarios
    •  Mosaicos.
    Denario coa Villa Publica (edificio dos
    censores no Campo de Marte), 55 a.C.

    Sinalar os Plutei Traiani da zona dos rostra e os frisos do Arco de Constantino, onde se recoñecen varios monumentos do foro.
    Os Plutei Traiani son unha especie de parapetos, parte dun monumento descoñecido da época do emperador Traxano (98-117 d.C.). Están decorados con relevos nos que se representan diferentes escenas da vida do emperador (a institutio alimentaria ou reparto de alimentos entre os nenos pobres en 101 d.C., e a condonación das débedas en 106 d.C.) centradas entorno ao foro, onde apareceron os plutei, aínda que se descoñece a súa posición orixinal. As tallas mostran a lonxitude dos lados do foro no momento en que foi erixido o monumento.
    Distínguense en ambos plutei un primeiro e segundo plano.
    No pluteus 1, en primeiro plano á dereita, vemos a Traxano nun podio no centro do foro, coa Basílica Xulia ao fondo. No lado esquerdo vense varias figuras de pé na tribuna dos oradores -ver infra.
    En segundo plano, de esquerda a dereita: o Arco de Tiberio, o Templo de César e a Basílica Xulia.


    No pluteus 2 vense varios personaxes de pé á dereita, entre as que figuaría o emperador. Correspóndese coa zona dos rostra (tribuna dos oradores decorada con rostra, espolóns de barcos). En segundo plano represéntanse numerosas construcións; de esquerda a dereita: o Ficus Ruminalis (Figueira Ruminal) e a estatua de Marsias, a Basilica Xulia, o Templo de Saturno e o Templo de Vespasiano.


    O arco de Constantino
    Aquí tamén se distinguen a Basílica Xulia, outra vez o arco de Tiberio, os Rostra e o arco de Septimio Severo.



    Detalle con representación do Arco de Tiberio
    Arco de Constantino
    Detalle con representación dos rostra
    Fontes epigráficas
    Salientar a Forma Urbis: planta de Roma en proxección horizontal a escala 1:240 de tempos de Septimio Severo (s. II d.C.) inscrita en grandes lastras de 2x1 m. Unidas formaban unha superficie de 18x13 m.
    Resultado de planos catastrais de diferentes momentos con fins urbanísticos e fiscais: figuraba cada rúa, edificio ou casa da cidade. Situábase nun monumento do Foro da Paz de Vespasiano.

    [Febreiro de 2016: atopan novos fragmentos da Forma Urbis]

    3. A paisaxe rural no mundo romano

    O achegamento a este aspecto do pasado faise especialmente dende a Arqueoloxía da Paisaxe, que atende tanto ao rexistro tradicional de lugares de habitación como aos datos relativos ás formas e á tecnoloxía de explotación dos recursos, aos procesos físicos (xeomorfolóxicos, climáticos...) que afectan á sociedade humana, e máis ás fontes históricas, literarias e epigráficas, das que dispoñemos para esta época.

    Mosaico dunha villa de Túnez

    3.1. A ordenación do espazo rural. Repartos de terra e centuriacións  

    Esquema da centuriación
    Cidade urbs e campo ager forman parte dun conxunto, o territorium, que é a materia que dá corpo ao concepto de municipium (a forma xurídica da cidade autónoma constituída a imaxe da civitas, a cidade romana). Unha vez establecidos os límites do municipium, procedíase á subdivisión interna das terras mediante o sistema da limitatio ou centuriatio, proceso absolutamente idéntico formalmente á limitatio da urbe: trazábase o kardo maximus (N-S) e o decumanus maximus (E-O), despois do cal trazábanse as liñas paralelas a cada un para establecer os correspondentes kardines e decumani.
    Por este procedemento establecíase o parcelamento das terras de cultivo que logo se distribuían entre os cidadáns da nova comunidade. O módulo máis empregado para establecer as dimensións do parcelario (aínda que non o único*), foi  a centuria, cunha superficie equivalente a un cadrado de 20 actus de lado (medida estándar dende Augusto: ca. 700 m) e unha superficie de 200 iugera (ca. 50 ha).
    (* per strigas, per scamma...)
    Non todo o territorium era obxecto de reparto, quedando diferentes zonas á marxe. Así, o fundus (terras privadas), o lucus (terreo reservado ao santuario ou templo), as silvae et pascua plubica (bosques e pastos comunais), ademais dos lugares inaxeitados para o seu cultivo (subseciva).
    As diferenzas de tamaño das terras que si estaban sometidas a reparto (ager divisus adsignatus) dependían de diferentes consideracións. Os lotes, que adoitaban incluír terras de cultivo máis terreos de bosque e pastos, podían variar en función de:
    • a maior ou menor productividade da terra
    • o rango ou méritos do adxudicatario
    • a cantidade dos lotes dispoñibles
    • a evolución dos repartos co paso do tempo, que podía derivar nunha concentración de propiedades.
    As trazas físicas das centuriacións son ás veces ben visibles en moitas cidades de orixe romana. Para o seu estudo dispoñemos das seguintes fontes.

    Fontes para o coñecemento do parcelamento romano
    • Corpus Agrimensorum: conxunto de tratados e opúsculos de datas variadas sobre a distribución e reparto das terras.
    • Cartografía (mapas topográficos escalas 1:50.000/1:25.000)
    • Fotografía aérea e por satélite.
    Centuriatio/Limitatio da cidade romana de Pola (Croacia):

    Obsérvese o ben que se conservaron as liñas do parcelario. Débese á súa construción en pedra seca: en numerosos lugares da trama erguéronse pequenos valados de separación e abríronse camiños sobre a base xeolóxica calcaria (de cor branca).

    3.2. O poboamento rural

                3.2.1. Entidades rurais colectivas de carácter agrupado

           Aglomeracións secundarias

    Trátase de asentamentos colectivos, permanentes e agrupados, de carácter secundario e xeralmente non urbanos. Os tipos máis abundantemente citados nas fontes son os seguintes:

    VICUS (pl. vici): despois da cidade e a villa (facenda rústica) é a forma máis frecuente de habitación. Nas fontes refire tanto o barrio dunha cidade como un asentamento agrupado rural; neste caso: conxunto de casas e edificios, con certo acondicionamiento urbano e funcións diversificadas, especialmente administrativas e de mercado.

    A cidade de Pontevedra (antiga Turoqua, ou quizais Duos Pontes) é un bo exemplo de asentamento secundario fundado ex novo polos romanos nun lugar axeitado debido á súa localización nunha vía de comunicación natural, a "depresión meridiana" aproveitada polo trazado da vía XIX Braga-Astorga (e quizais tamén pola vía XX), o que axiña se tería completado coa construción dunha ponte romana que permitíría salvar o obstáculo do río Lérez, aínda que desta non queda vestixio coñecido. 
    A orixe deste aglomerado, intimamente relacionada coa súa posición viaria e función comercial, permiten considerar a antiga Pontevedra como un vicus romano fundado no s. I d. C e dependente no plano administrativo dunha entidade superior (posiblemente Aquis Celenis -Caldas de Reis-, a capital do pobo galaico dos Cileni). (Cf. Pérez Losada, F. 2002. Entre a Cidade e a aldea. Estudio arqueohistórico dos "aglomerados secundarios" romanos en Galicia. Ed, Brigantium 13. A Coruña)

    CONCILIABULUM (pl. conciliabula): en orixe, lugar destinado á celebración do concilium ou asemblea. Trataríase doutro centro cívico dunha poboación dispersa, pero por agora non foi posible identificar ningún arqueoloxicamente.

    FORUM (pl. fora): núcleos moi escasos en todo o Imperio (ca. 40), concentrándose en occidente: Italia, Galia Cisalpina (norte de Italia) e Narbonense (SE de Franza); en menor medida no resto da Galia, Hispania e Sardeña.
    Os nomes destes fora acompáñanse de nomes persoais, xeralmente dos emperadores fundadores (p.ex. Forum Augusti, Iulii, Claudii, Hadriani, Traiani...) ou designacións étnicas (en Gallaecia: Forum Limicorun, Gigurrorum e Narbasorum, onde os nomes que acompañan a Forum refiren étnicos de pobos galaicos). A súa cronoloxía é relativamente antiga, próxima á conquista dos respectivos territorios provinciais (época tardorrepública e da dinastía Xulio-Claudia).
    Estes lugares relaciónanse coa rede viaria, son de fundación estatal e formalmente semellantes aos vici, pois constitúen centros cívicos fundados por Roma con funcións administrativas, políticas e comerciais en territorios de poboación moi dispersa.


    Mapa dos asentamientos urbanos e protourbanos da Gallaecia romana segundo Pérez Losada (2002)
    Nas áreas de influencia das capitais galaicas desenvólvense núcleos de poboación secundarios con funcións administrativas e comerciais, a modo de capitais rexionais ou comarcais, como son as vilas de Brigantium (A Coruña) e Iria Flavia (Padrón) respecto a Lucus Augusti (Lugo), ou Aquae Flaviae (Chaves) e Tude (Tui) respecto a Bracara Augusta (Braga). Arredor destes gravitaban outros núcleos de inferior entidade, como Santiago de Compostela, Pontevedra ou Vigo, que á súa vez podían servir como puntos de encontro e centros de diferentes servizos para as poboacións veciñas dispersas nos castros, que en Galicia serían, moitos deles, aldeas propiamente ditas.

    Entidades rurais colectivas e agrupadas: AS ALDEAS
    • Trátase de núcleos agrupados de pequeno tamaño, xeralmente pobres e illados, afastados dos eixes viarios.
    • Función exclusivamente agro-pecuaria, considerados residuos de modelos de ocupación prerromanos [en Galicia, os castros] Rexurden con forza en época tardía no Occidente do Imperio.
    Entidades rurais individuais de carácter disperso: AS VILLAE
    Son establecementos localizados fóra da cidade, dos que as fontes distinguen dúas modalidades:
    • Villa urbana: mansión señorial orientada ao pracer do seu propietario.
    • Villa rústica: construción rural máis modesta dedicada á explotación agropecuaria.
    • É o centro do fundus, que designa o conxunto de edificios da villa e o territorio de explotación circundante.
    Reconstrución da villa de Noville, Mugardos (Ferrol)

    Precedentes da villa romana
    • Residencias aristocráticas situadas nos arredores das cidades gregas dos ss. V e IV a.C.
    • No s. IV documéntanse villae no Lacio, situadas en altura e provistas de construcións domésticas e outras destinadas ás actividades de subsistencia.
    • No s. III apenas varían as súas características. As zonas de habitación son minoritarias no conxunto e distribúense arredor dun patio central, nun espazo cuadrangular.
    As villae romanas nos ss. II-I a.C

    • Aumento das dimensións dos dominios agrícolas nas mans da nobreza absentista, coa conseguinte desaparición paulatina dos pequenos agricultores libres, e traballadas por man de obra servil.
    • A finais da República, as villae xa dispoñen de todos os dispositivos necesarios para a súa óptima explotación.

    Villa de Settefinestre (época tardorrepublicana e alto-imperial)


    • Edificada ca. 40-30 a.C. unificando antigos dominios coloniais de Cosa (SO da Toscana).
    • Fundus de ca. 125 ha. de terra cultivable e outras tantas de silva e pascua.
    • 1ª fase: chegábase á parte residencial tras atravesar un patio rodeado de cortes, bodegas e aloxamentos para escravos.
    • A parte señorial concíbese como unha domus clásica, con adro toscano e peristilo ao fondo.
    • Esta integración da zona de servizos e a domus do propietario é característica do sistema no que o dominus absentista delega nun intendente ou capataz, un liberto que dirixe a explotación.
    Villa de Settefinestre

    • 2ª fase (inicios s. II d.C.): ademais da pars urbana créase unha pars rustica destinada aos aloxamentos servís, con numerosas estancias arredor dun patio central (produción de escravos?) (1)
    • Cortello dos porcos ao oeste desta zona, cunha cela para cada exemplar (2)

    Época tardorromana
    • Florecemento espectacular das grandes propiedades rurais tras o fenómeno imparable de concentración de terras dende o s. II d.C.
    • Grande representatividade das villae tardorromanas no occidente.
    • Os domini gañan autonomía fronte ao poder estatal e adoptan unha forma de vida inspirada na corte imperial, o que se reflicte nas súas casas.

    Villa del Casale, Sicilia

    En xeral, presentan salas de recepción debedoras da parafernalia cerimonial dos emperadores. Neste caso siciliano, unha sala absidiada para a recepción dos humiliores dependentes do dominus e un conxunto de estancias dispostas en torno a un patio porticado elíptico, destinado á recepción de personalidades de alto rango e á coenatio (comedor para banquetes cerimoniais) con tres ábsidas. Constaba tamén das súas correspondentes termas privadas.
    En Hispania, é famosa a Villa de la Olmeda (prov. de Palencia), pola espectacularidade dos restos arqueolóxicos atopados, hoxe musealizados in situ.  
    (ver aquí numerosas fotos)
    Entidades rurais menores

    A arqueoloxía rexistra grande cantidade de entidades rurais diferentes das tradicionalmente admitidas: posibles explotacións modestas (quizais as casae e tuguria das fontes –”cabanas”); temos tamén construcións de pequena entidade e illadas, que poderían ser casetas para gardar apeiros ou para o acubillo dos traballadores, posiblemente dependentes dunha entidade superior (villa?).

    No hay comentarios:

    Publicar un comentario

    Comentarios