Para o coñecemento da sucesión de dinastías no antigo Exipto
disponse de varios documentos, todos bastante posteriores aos primeiros tempos
de aparición do reino unificado e a maioría procedentes do Reino Novo
(1570-1070 a.C.)
A Pedra de Palermo. Era unha lápida bastante grande (de uns
2 m. de longo por 0,6 de alto), moi fragmentada, da que o anaco máis grande se
conserva no Museo de Palermo. Contén un texto compilado durante a dinastía V
(2498-2345), en forma de anais que recolle por anos algúns dos acontecementos
máis importantes do reinado de cada soberano. Desgraciadamente, perdéronse case
todos os nomes e acontecementos correspondentes ás dinastías I e II.
Lista dos Reis de Karnak. Foi esculpida no templo de Amón en Karnak e consérvase no Museo de Louvre. Dá os nomes dende Menes (Narmer?, unificador do reino exipcio, ca. 3100/3000) ata
Tutmosis III (dinastía XVIII, 1570-1293, Reino Novo). Omite os reis dos períodos
intermedios.
Táboa de Saqqara. Lista de reis escrita na tumba dun
escriba da dinastía XIX (1293-1185, Reino Novo). Contén os nomes dos faraóns ata Ramsés II (excluíndo o período de Amarna),
pero empeza só no sexto faraón da dinastía I, Anedjib.
Lista dos Reis de Ábidos. Escrita nas paredes do templo funerario de
Seti I (dinastía XIX), e copiada polo seu fillo Ramsés II no seu templo de Ábidos. Omite tamén a Akhenatón e sucesores (Smenkhare, Tutankamón e Ay) e aos monarcas dos períodos intermedios.
Canon de Turín /Canon
Real de Turín / Lista dos Reis de Turín (Museo de Turín): papiro no que se conserva só parte da lista dos faraóns. Foi compilado no
século XIII a.C. (durante a dinastía XIX).
![]() |
Canon de Turín |
Manetón de Sebenitos: sacerdote exipcio que escribiu unha
historia do seu país en grego (Aegyptiaca) a comezos do sécul III a.C. Esta
obra só se conserva a través de citas en obras posteriores. Ordena a historia exipcia en dinastías (entendido este termo en sentido etimolóxico: dynasteia “autoridade, goberno”, polo que non cabe
esperar relacións de descedencia entre os faraóns). Presenta a mesma estrutura
que o Canon de Turín, cun primeiro período no que gobernaron os deuses e logo 30
dinastías humanas dende Menes ata
a época inmediatamente anterior á conquista de Alexandre Magno (332 a.C.)
Bibliografía
Bibliografía
Grimal, N. 1996 (ed.or.
1988) Historia del Antiguo Egipto. Akal. Madrid (p.51-52) En liña: http://excavarymemoria.files.wordpress.com/2012/03/nicolas-grimal-historia-del-antiguo-egipto11.pdf
Vázquez Hoys, A. 2007. Historia del Mundo Antiguo. Próximo Oriente y Egipto. Sanz y Torres. Madrid (p.311-312)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios